martes, 19 de diciembre de 2023

O Parlamento galego solicita, por cuarta vez, a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 a Galicia

 

Hoxe o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia, que será remitida ao Congreso para a súa tramitación. “Queremos unha AP-9 galega e libre de cargas”, manifestou o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, porque “non podemos conformarnos en que, aínda aplicando as bonificacións vixentes, sexa unha das autoestradas máis caras de España”.

Balseiro lembrou que “é a cuarta ocasión na que, a través dunha proposición de lei aprobada neste Parlamento galego para remitir ao Congreso, solicitamos a transferencia a Galicia da titularidade e competencias sobre a AP-9”. Deste xeito, considerou “positivo que as tres forzas políticas galegas con representación nesta Cámara concorden en que acadar esta transferencia é bo para Galicia e, polo tanto, constitúe unha reivindicación de país”.

XESTIÓN MÁIS XUSTA E MÁIS SENSIBLE

“Queremos unha AP-9 galega, aínda que en esencia esta autoestrada xa o é, porque o seu trazado transcorre integramente polo territorio de Galicia e vertebra toda a fachada atlántica, conectando cinco das sete cidades galegas”, indicou o portavoz popular. Así, explicou que o traspaso a Galicia “traduciríase nunha xestión máis xusta para os seus usuarios e máis sensible cos intereses das galegas e dos galegos, podendo decidir que obras son prioritarias e un mellor sistema de bonificacións, e non as vixentes que son insuficientes”.

José Manuel Balseiro tamén demandou unha AP-9 libre de cargas, para o que “unha das principais novidades desta lei reside en que a Administración do Estado dotará a Galicia dos medios económicos suficientes para ampliar as bonificacións e acometer as obras comprometidas aínda pendentes”.

O portavoz popular asegurou que “o PP está en disposición de avanzar e de garantir que votará a favor da Lei de transferencia da AP-9 a Galicia tanto hoxe, neste Parlamento, como no futuro cando se debata no Congreso”, polo que cuestionou a socialistas e nacionalistas galegos “se poden asumir este mesmo compromiso”.

“A pelota está no seu tellado, pero a verdade é que non confiamos nada na palabra do BNG e do PSdeG, porque a transferencia da AP-9 a Galicia xa foi un dos compromisos do pacto de investidura asinado en 2020 entre socialistas e nacionalistas galegos que non se cumpriu, pero que non tivo consecuencia algunha ata o punto de que o BNG volveu regalar os seus votos para a recente investidura de Pedro Sánchez, porque a mención sobre a transferencia da AP-9 desapareceu do acordo prevendo un novo incumprimento”, afirmou.


A XUNTA SEGUIRÁ DANDO A BATALLA POR UNHA AP-9 GALEGA E PIDE AO GOBERNO QUE ACLARE QUE PASARÁ O 1 DE XANEIRO COAS PEAXES  

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu hoxe ao debate e aprobación en Pleno da Proposición de Lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia.

Vázquez Mourelle subliñou que a AP-9 ten as peaxes máis elevadas do Estado, pese ás bonificacións, e a comezos deste ano 2023 as súas tarifas encarecéronse unha vez máis.

Neste sentido, instou ao Goberno a clarificar se vai adoptar unha medida similar á da Xunta, que conxela por segundo ano consecutivo as tarifas nas autoestradas autonómicas; ou se vai permitir un novo incremento derivado da suba do IPC e da suba extraordinaria do 1% polas obras.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que a Xunta leva máis de 14 anos defendendo a transferencia desta autoestrada esencial para os desprazamentos de milleiros de persoas, para a competitividade da economía e para a seguridade viaria, pois é a arteria de comunicación que vertebra o territorio no que residen o 60% dos galegos.

O Executivo autonómico reclama que esa transferencia se materialice en condicións xustas para Galicia e veña acompañada dos recursos necesarios para a súa adecuada xestión, tanto os fondos necesarios para a execución das obras pendentes, como para o mantemento das bonificacións vixentes.

A conselleira subliñou que a Xunta está preparada para asumir a titularidade da AP-9, xa que coñece en profundidade o funcionamento da autoestrada, as súas eivas, as súas necesidades e a súa evolución. 

Destacou que o Executivo autonómico ten experiencia de xestión e un profundo coñecemento das necesidades de mobilidade dos galegos, polo que está disposto a asumir a transferencia da AP-9 e mellorar o servizo que lle dá esta autoestrada aos cidadáns.

A Xunta, incidiu Vázquez Mourelle, traballa e seguirá traballando na defensa dos intereses dos galegos e continuará dando a batalla para lograr unha AP-9 galega, pese á negativa taxativa do Goberno de España á súa transferencia.

Neste sentido, afeoulle ao BNG o dobre raseiro, tras renunciar, no acordo de investidura asinado co PSOE, á transferencia da autoestrada a Galicia.

Tamén censurou que o PSOE tentase baleirar de contido e desvirtuar a transferencia cando a anterior proposición de lei chegou ao Congreso, á espera de ver que argumentos empregará agora para impedir o seu traspaso a Galicia, toda vez que o Executivo central xa deixou clara a súa negativa a ceder a Galicia a xestión desta autoestrada estatal.