lunes, 4 de diciembre de 2023

En novembro descenden en Galicia as afiliacións ao Sistema da Seguridade Social nun 0,40 %

 


O número medio de afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de novembro do ano 2023 acadou a cifra de 1.063.566 para o total do sistema, o que supón un descenso respecto ao pasado mes de outubro de 2023 de 4.287 afiliacións (-0,40%). Para o conxunto estatal a cifra de afiliacións sitúase en 20.806.074, rexistrando un descenso do 0,06% con respecto ao pasado mes de outubro.

Na comparativa interanual (novembro de 2023 con novembro de 2022) obsérvase un aumento de 15.958 afiliacións no total do sistema en Galicia (1,52%) e un aumento do 2,58% (522.443 afiliacións) no conxunto estatal.

Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de outubro de 2023, rexístrase unha subida das afiliacións en oito comunidades autónomas, destacando Madrid e a Comunitat Valenciana (0,95%); mentres que en nove comunidades autónomas baixan as afiliacións, destacando Illes Balears (-15,51%). En canto ás taxas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexístranse taxas positivas en todas as comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Madrid e Canarias con taxas interanuais superiores ao 3,50%. 

Datos de afiliacións por provincias

O número medio de afiliacións á Seguridade Social aumentou con respecto ao mesmo mes do ano pasado en todas as provincias galegas. 

A Coruña é a provincia que presenta a maior subida nas afiliacións cunha taxa de variación interanual do 1,76%, seguida de Pontevedra (1,60%) , Ourense (0,99%), e Lugo (0,86%). 

No que respecta ás afiliacións medias deste mes de novembro con respecto ás do mes de outubro, rexistrouse en Galicia un descenso do 0,40%. Todas as provincias presentan unha taxa de variación intermensual negativa destacando Lugo (-1,11%), seguida de Ourense (-0,69%), Pontevedra (-0,31%) e A Coruña (-0,22%).

Fonte: INFORME SOBRE AS AFILIACIÓNS MEDIAS Á SEGURIDADE SOCIAL. IGE. Novembro 2023