viernes, 8 de diciembre de 2023

O PPdeG solicita ao Goberno central que non permita a suba das peaxes da AP-9 e a AP-53 a partir do 1 de xaneiro

 

O PPdeG vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España que non permita a suba das peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53 a partir do vindeiro 1 de xaneiro, seguindo o exemplo do Goberno galego de conxelar as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica.

O portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, lamentou que “todo parece indicar que a AP-9 e a AP-53 volverán a comezar outro ano como as máis caras de España, porque o Goberno do PSOE, apoiado por Sumar e o BNG, tennos afeitos a primar o interese da concesionaria por enriba dos intereses dos galegos”.

“O único certo a día de hoxe é que a previsión á alza do IPC e a aplicación da suba do 1 por cento acumulativo durante 20 anos polas obras de ampliación da AP-9 acordado polos ministros socialistas José Blanco e José Luis Ábalos, pode dar lugar a que as peaxes desta autoestrada se eleven case un 5 por cento o vindeiro 1 de xaneiro”, explicou.

4,8 MILLÓNS DA XUNTA PARA CONXELAR AS PEAXES

Deste xeito, Balseiro considerou “urxente que o Goberno do PSOE aclare o que vai pasar e se ten pensado aplicar algún tipo de medida compensatoria, como vén facendo a Xunta para paliar a suba das tarifas derivadas do IPC nas autoestradas da súa competencia”.

José Manuel Balseiro explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten reservada unha partida específica de 4,8 millóns de euros nos orzamentos de 2024 para manter conxeladas as peaxes das autopistas A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona, unha medida que a Xunta xa aplicou durante o presente ano para evitar que os case 28.000 usuarios diarios que circulan por estas vías teñan que afrontar a suba do IPC.

Esta conxelación das peaxes súmase ao paquete de bonificacións que a Xunta vén aplicando desde 2010 a usuarios frecuentes, familias numerosas e viaxes en horario nocturno.