lunes, 18 de diciembre de 2023

A Xunta destinará o vindeiro ano 750 M€ a infraestruturas e servizos de interese xeral

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que a estabilidade galega permitirá destinar o vindeiro ano 750 M€ a infraestruturas e servizos de interese xeral “sen ataduras políticas”.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade participou esta mañá, xunto co presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, na reunión de traballo da Comisión de Infraestruturas da Confederación de Empresarios de Galicia.

Ethel Vázquez salientou que mañá o Parlamento de Galicia aprobará, un ano máis, en tempo e forma, os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, sendo os máis elevados da historia da comunidade.

Detallou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, grazas a estas contas, poderá seguir avanzando en actuacións destinadas a aumentar a calidade de vida dos galegos e a competitividade do territorio.

Lembrou que, tras incrementar nun 70% a rede de vías de altas prestacións libres de peaxe desde o ano 2009, o Goberno galego seguirá avanzando en infraestruturas como a autovía de Santiago-A Estrada ou a de Tui-A Guarda, onde de forma inmediata se porá en servizo a conexión co Polígono de Areas e se continuará progresando nos novos treitos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade tamén se referiu ao novo esforzo que vai realizar a Xunta para manter conxeladas as peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona no vindeiro ano 2024.

Lembrou que a Xunta destina máis de 50 M€ á conservación das estradas autonómicas para garantir o seu correcto mantemento e blindar a seguridade viaria.

Vázquez Mourelle fixo fincapé, ademais, en que o Goberno galego seguirá reivindicando que outras administracións atendan as necesidades e executen os compromisos con Galicia, evitando que sexa agraviada polos pactos electorais.

Neste sentido, recordou que o Executivo autonómico continuará reclamando a reconstrución íntegra e urxente da A-6 como unha autovía de acceso a Galicia con dúas calzadas e  5 carrís.

Tamén puxo o acento na demanda dun plan de conservación integral das vías nacionais en Galicia, especialmente na A-6 e na A-52, cun firme en estado desastroso.

Remarcou que se exixirá novamente que se rematen os dous treitos pendentes da autovía Santiago-Lugo, que “avanzan a cámara lenta”, xa que se empezaron a executar hai máis de 5 anos e seguen en obras; e tamén que se impulse a autovía da Mariña e todas as outras pendentes.

Na súa intervención, Ethel Vázquez salientou o traballo realizado pola Xunta para poder poñer en servizo catro estacións intermodais nas cidades galegas e avanzar noutras dúas, que están agora mesmo en marcha; así como o fito de lograr a incorporación de Galicia e do noroeste ao Corredor Atlántico.

Dados estes avances no eido das infraestruturas ferroviarias, apelou ao mantemento da unión co empresariado galego na defensa dunha modernización real da rede de mercadorías a partir dun Plan Director do Corredor Atlántico que garanta os investimentos e as obras pendentes.