jueves, 21 de diciembre de 2023

Xunta xestora provincial: Luis Menor pide aos populares que traballen arreo para garantir “desde xa” un goberno de certezas en Galicia “que só pode ofrecer Alfonso Rueda”


O presidente da xestora provincial do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, pediu esta tarde aos cargos políticos e institucionais do partido, así como tamén á militancia, que traballen arreo “desde xa” para garantir un goberno de certezas en Galicia “que só pode ofrecer Alfonso Rueda”. 


Tralo anuncio hoxe mesmo da convocatoria de eleccións en Galicia, Luis Menor avanzou que tralas festas de Nadal proseguirán, “con máis ritmo se cabe”, as reunións por comarcas “para mobilizar o partido cara o 18 de febreiro e estar nas mellores condicións para ofrecer a Alfonso Rueda a súa primeira maioría absoluta”.


Acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o líder do PP na provincia afirmou que as reunións comarcais celebradas en Celanova e Valdeorras “reafirman a miña sensación de que hai ganas de partido, de traballar xuntos por consolidar ao PP nesta nova etapa como a primeira forza política da provincia”, ao tempo que agradeceu as mostras de apoio que está a recibir durante ás súas visitas por todo o territorio ourensán. 



PAULA PRADO: “IMOS A POLA PRIMEIRA MAIORÍA DE ALFONSO RUEDA”


Pola súa banda, a número dous dos populares galegos incidiu en que o anuncio feito está mañá polo presidente Rueda demostra que “no PPdeG sempre actuamos con responsabilidade e só pensando nos intereses de Galicia”, destacando que o vindeiro 18 de febreiro os galegos terán a oportunidade de “seguir apostando por esa normalidade que fai da nosa Comunidade unha illa de estabilidade”.


Paula Prado explicou que a partir de hoxe mesmo o partido se porá a traballar para facer realidade a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda e amosouse convencida de que o PP de Ourense, na cidade e en toda a provincia, volverá ser determinante na consecución desa primeira maioría.


“Pídovos a mesma implicación e a mesma capacidade de traballo que demostrastes ao longo deste ano tanto nas eleccións municipais como nas xerais e que tan bos resultados colleitou”, concluíu.


ORZAMENTO PARA 2024


Na reunión desta tarde, a xunta xestora provincial aprobou o orzamento do PP de Ourense para o próximo ano, cun importe de preto de 323.000 euros e un aumento con respecto a este ano do 3,7 %.