sábado, 20 de enero de 2024

Eleccións 18F. Alfonso Rueda: “Saímos a gañar para defender o modelo de Galicia e o mellor para os galegos porque somos os únicos capaces de facelo”

Hoxe, no acto de presentación das listas electorais do PPdeG celebrado en Pontevedra, o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que el e o seu partido saen a gañar o próximo 18 de febreiro co obxectivo de defender o modelo de Galicia e o mellor para os galegos porque son os mellores para facelo: “Somos o partido que máis se parece a Galicia e as nosas listas están cheas de galegos e galegas”.

Neste sentido explicou que todos e cada un dos membros das listas electorais, desde primeiros postos aos suplentes, son o mellor reflexo de Galicia porque son “xente comprometida que coñece os problemas dos seus veciños, profesionais de todos os sectores que saben o que precisamos para seguir avanzando e, sobre todo, persoas con experiencia e vocación que non veñen a aprender nin a pasar o rato”.

 

Un reflexo da sociedade galega que o presidente fixo extensivo nomeadamente aos cabezas de lista, destacando de Diego Calvo a súa disposición a arrimar o ombreiro e a acometer cantas tarefas se lle poñan por diante, de Elena Candia que, a pesar de que xa non necesita demostrar nada en política, segue traballando coa mesma forza do primeiro día; e de Elena Rivo o coñecemento e talento académico que ao servizo da mellor política en Galicia. Así mesmo, da número dous por Pontevedra, Patricia García, salientou a súa exitosa capacidade de emprendemento e o seu compromiso co progreso da súa terra.

 

“Non se me ocorre mellor equipo nin mellor compañía que esta para saír a gañar, con rotundidade, o 18 de febreiro”, asegurou facendo unha contraposición con aqueles que nas próximas semanas quererán “vender artificios” e “erixirse como os únicos con carné de galego”. Deste xeito, e referíndose ao multipartito da oposición, o presidente afirmou que non se parecen nin a Galicia nin aos galegos “os que só aspiran a ser a sucursal de Sánchez en Galicia e o nacionalismo independentista que apoia aos presos de ETA”.

 

A todos eles reprochoulles a súa falta de proxecto para Galicia “máis alá de sacar ao PP do Goberno galego” e acusounos de “ser da escola de Pedro Sánchez”. E referíndose a este último aproveitou para poñer de manifesto os agravios, as mentiras e os insultos que os galegos tiveron que recibir do Goberno central nos últimos anos en cuestións como os trens Avril, os fondos europeos, o Corredor Atlántico, a Saída Sur de Vigo ou os avións e barcos necesarios para frear no mar a chegada dos pellets ás praias galegas.

 

“Nin os españois nin os galegos merecemos iso. Xa está ben de poñer os intereses persoais dun político por riba de todo e xa está ben de dinamitar a igualdade dos españois”, subliñou a este respecto.

 

O MELLOR PARA GALICIA

 

Alfonso Rueda aspira a seguir ofrecendo aos galegos e galegas un Goberno estable, comprometido con Galicia, con futuro e ambición, serio, rigoroso e que faga avanzar a Comunidade ao igual que avanzou nestes anos. Poñendo de exemplo deste avance as baixadas de impostos, o calendario vacinal máis completo do mundo, o sistema educativo máis equitativo de España, a cota cero para os autónomos ou un sistema de dependencia cada vez máis universal.

 

“Esa é a Galicia que construímos e a Galicia que queremos seguir construíndo, con todos e entre todos. Por iso o 18 de febreiro temos que saír a defender todo o conseguido porque é moito e porque queren botalo abaixo”, concluíu.