sábado, 20 de enero de 2024

Inaugurada en Ourense a XXVI Interparlamentaria Popular

No acto de apertura da 26ª Interparlamentaria Popular que se celebra hoxe e mañá en Ourense a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, manifestou hoxe que “Galicia é o mellor exemplo en España dun Goberno eficaz, apoiado nun eficiente e leal grupo parlamentario, que está implantando medidas co único obxectivo de mellorar o benestar de todos os galegos”.

Neste sentido, afirmou que unha maioría de Alfonso Rueda nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro permitirá “manter esa senda de estabilidade e bo goberno e seguir poñendo en práctica medidas políticas que son exemplo a nivel nacional e, incluso internacional”. Lembrou así iniciativas postas en marcha en Galicia como a gratuidade das escolas infantís, que a partir do vindeiro curso se estenderá á primeira matrícula de grao universitaria, ou o calendario de vacinación infantil.

 

Na súa intervención na apertura da 26ª Interparlamentaria Popular en Ourense, a secretaria xeral do PPdeG destacou “a importancia que ten a existencia dun bo grupo parlamentario nas distintas cámaras nacionais e autonómicas para a difusión do proxecto e o traballo que realiza o Partido Popular en beneficio dos cidadáns”. É fundamental para iso que o grupo parlamentario “cumpra coa súa palabra e os compromisos asumidos cos cidadáns, estando disposto a negociar e chegar a acordos coas demais forzas políticas, polo ben do país ou da comunidade autónoma”, apuntou.

 

No caso de Galicia, lembrou que, “lonxe da imaxe de rolo que quere trasladar a oposición, desde o Grupo Popular sempre estivemos abertos a chegar a acordos cos demais grupos políticos, partindo tanto de iniciativas nosas como da propia oposición”. Un talante aberto coa oposición no Parlamento galego que, segundo explicou, non supuxo un obstáculo para que, elección tras elección desde a primeira vitoria de Alberto Núñez Feijóo en 2009, o PPdeG fose incrementando o seu grao de confianza entre os galegos e, conseguintemente, o número de deputados na Cámara autonómica.

 

“O bo traballo de todos os deputados que integran un grupo parlamentario é fundamental para trasladar á sociedade o proxecto serio e ilusionante do PP, con ideas eficaces para mellora a vida dos cidadáns”, engadiu enfatizando a importancia de “estar abertos a negociar e acordar cos demais grupos políticos cuestións que sexan beneficiosas para o conxunto da sociedade”.

 

Por último, Prado agradeceu “a decisión dos responsables do Partido Popular de traer a Galicia esta interparlamentaria e a todos os que nos ides acompañar estes dous días, porque este encontro vainos servir de ánimo e apoio para seguir traballando de cara a conseguir esa primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda”.

 

CERTEZAS E SEGURIDADE AOS CIDADÁNS

 

Pola súa banda, o líder do PP na provincia de Ourense, Luis Menor, agradeceu ás direccións nacionais e galega a elección da capital provincial para celebrar esta interparlamentaria dado o impacto económico que esta terá na cidade. Así mesmo, dirixiuse ao asistentes para recoñecer “o papel fundamental que xogan deputados, senadores e parlamentarios autonómicos e o esforzo que facedes para esa labor nun entorno demasiadas veces hostil”.

 

Tomando como referencia o lema destas xornadas, asegurou que estaba cumprindo coa palabra dada tras a súa designación como líder dos populares de Ourense, poñendo o partido “a pleno rendemento para contribuír á primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda e, por suposto, á chegada de Alberto Núñez Feijóo á Moncloa”

 

Luis Menor recordou o “inmenso caudal de confianza do que o PP pode presumir en Ourense”, con porcentaxes de apoio dos cidadáns nas distintas convocatorias electorais que chegaron a ser “de récord”  e “entre os primeiros postos de España”. Este é, segundo engadiu, o resultado dunha política que “ofrece certezas e seguridade aos cidadáns, con altura de miras e que busca o benestar e o progreso”.