viernes, 26 de enero de 2024

EPA IVT: No cuarto trimestre de 2023 en Galicia había 114.700 persoas en paro, 2.500 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,1 puntos e sitúase no 9,2%.

 

O INE difundíu hoxe a Enquisa de poboación activa (EPA) correspondente ao IV trimestre de 2023. O IGE procesou a información en clave galega, con estos resultados.

No cuarto trimestre de 2023 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.357.200 persoas, das cales 1.253.700 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,2%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 7.900 persoas e a taxa de actividade diminúe 0,4 puntos respecto ao terceiro trimestre de 2023.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, o número de persoas activas aumenta en 17.800 persoas e a taxa de actividade aumenta en 0,5 puntos porcentuais.

Por sexo, a taxa de actividade masculina diminúe 0,8 puntos respecto á cifra rexistrada hai 3 meses, situándose no 57,2%. A taxa de actividade feminina non rexistra ningunha variación, permanecendo no 49,6%.

Poboación ocupada

A ocupación diminúe en 5.500 persoas no cuarto trimestre de 2023 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.138.900 persoas ocupadas. A taxa de ocupación diminúe con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,3%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 34.400 persoas, o que supón un incremento do 3,1% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu a ocupación masculina e aumentou a feminina: o número de ocupados varóns diminúe en 6.100 persoas respecto ao terceiro trimestre do ano 2023; pola contra, a ocupación das mulleres rexistrou un leve incremento de 600 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha diminución da taxa de ocupación masculina de 0,7 puntos e dunha leve diminución da taxa feminina en 0,1 puntos con respecto ao trimestre pasado.

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2022, o número de homes ocupados aumenta en 22.000 persoas (un 3,9%), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 2,3%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu en todos os sectores, agás na industria. Na agricultura e pesca, a diminución da poboación ocupada cifrouse en 1.200 traballadores e traballadoras menos que hai 3 meses. Na construción a ocupación baixou en 1.800 persoas respecto ao trimestre anterior. O sector servizos foi o que rexistrou o maior descenso, con 8.700 persoas menos. Na industria, pola contra, a ocupación aumentou en 6.300 persoas.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, a ocupación aumentou en todos os sectores: no sector primario, un 0,7%; na industria, un 7,3%; na construción, 9,4%; e no sector servizos, un 1,9%.

Poboación asalariada

En Galicia había 927.800 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2023, 777.400 con contrato indefinido e os 150.400 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 300 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 16.000 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 9,6% con respecto ao terceiro trimestre de 2023). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 3,8%, e as persoas con contrato temporal aumentaron tamén, neste caso un 0,7%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 16,2%.

Poboación parada

No cuarto trimestre de 2023 en Galicia había 114.700 persoas en paro, 2.500 menos que no trimestre anterior. A taxa de paro diminúe 0,1 puntos e sitúase no 9,2%.

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2022, o número de parados e paradas diminúe en 16.700 persoas (un 12,7%) e a taxa de paro, a súa vez, decrece 1,4 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 53.000 persoas (1.900 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 61.700 persoas (500 mulleres menos). Ambas as dúas taxas de paro, tanto a masculina como a feminina, diminuíron, situándose a primeira no 8,2% e a segunda no 10,1%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino baixa en 8.800 persoas (un 14,2% menos) e o volume de paradas diminúe en 7.900 persoas (un 11,4% menos que hai un ano).

Fogares

No cuarto trimestre de 2023, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 2.800 unidades e sitúase en 46.500 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2022, esta tipoloxía de fogares diminúe un 11,1%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 5.200 unidades. O número de fogares nesta situación é de 667.500. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 26.600 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 4,2% en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 328.200 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 129.800 (o 39,5%) están ocupados/as, 25.000 (o 7,6%) parados/as e os 173.500 (o 52,9%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 39,5% no cuarto trimestre de 2023. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 2,1 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2022 aumenta 3,6 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 16,1% neste trimestre; diminúe 2,3 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co cuarto trimestre de 2022, diminúe 3,7 puntos.

No cuarto trimestre de 2023, o 71,3% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao terceiro trimestre de 2023, a cifra de ocupados a xornada completa baixa un 8,9%. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial, pola contra, aumenta neste trimestre; en concreto, sobe en 2.600 persoas. Con respecto ao cuarto trimestre de 2022, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 3.600 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 9.700 persoas).

Dos 119.400 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 64,9% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 4,4% respecto ao trimestre anterior; rexistra un incremento tamén, neste caso do 22%, respecto ao mesmo trimestre de 2022. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal diminúe un 20,5% respecto ao trimestre pasado, e rexistra unha diminución do 0,7% respecto ao cuarto trimestre de 2022.

A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 35,1%.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Lugo e Santiago de Compostela son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (55,5% e 52,3% respectivamente) no cuarto trimestre de 2023. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (38%).

No referido ás taxas de paro, este trimestre A Coruña é o concello de entre os sete grandes con menor valor (6,2%) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (14,5%). O concello de Ourense ten unha taxa de paro do 7,5 %.

Fontes de información

INE-IGE. Enquisa de poboación activa (EPA)