A pesar de que as dúas autonomías solicitaron ao Goberno de España xuntanzas urxentes para abordar este asunto, o Ministerio de Transportes só citou hoxe ao Goberno do Principado de Asturias, deixando á marxe á Xunta.
Tras coñecer o pasado xoves, día 29 de febreiro, que o Goberno de España ía incumprir os prazos anunciados para a entrada en servizo e venda de billetes dos trens Avril, a Xunta dirixiuse ao Ministerio de Transportes para solicitar a constitución dun grupo de traballo que achegase información certeira sobre o proceso e abordase as compensacións aos galegos pola demora.
Ante a falta de resposta, onte mesmo a Xunta volveu dirixirse ao Ministerio de Transportes para solicitar a celebración dunha xuntanza urxente na que abordar a situación derivada do retraso dos trens Avril.
Tamén hoxe, a través dunha conversa telefónica, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, solicitoulle ao Secretario de Estado de Transportes a celebración desta reunión.
A Xunta continúa pendente de que esas solicitudes sexan atendidas.
Tras manter unha xuntanza presencial con representantes do Goberno de Asturias, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible anunciou este mediodía unha oferta de descontos a todas luces insuficiente para responder as necesidades dos galegos e, por suposto, para compensar o incuestionable dano producido polo incumprimento dos prazos comprometidos polo Goberno para a chegada dos trens Avril.
Así, a oferta de venda de billetes a 25 euros anunciada polo Ministerio de Transportes entrará en vigor ao finalizar a Semana Santa e só se prolongará ata o 6 de maio deste ano.
Actualmente, entre Galicia e Madrid operan cada día 10 trens en cada sentido, cada un con 300 prazas, o que suma preto de 42.000 prazas á semana. A oferta de 2.000 billetes cada semana con descontos cubre menos do 5% das prazas, o cal é a todas luces insuficiente para compensar aos galegos por este novo retraso.
Máis aínda se temos en conta que entre Asturias e Madrid operan a diario 4 trens por sentido, sumando unhas 18.000 prazas cada semana. Neste caso, a oferta comprometida de 2.000 billetes a 25 euros representa só o 12% das prazas totais.
Polo tanto, a Xunta demanda que, cando menos, se ofreza o dobre de billetes a 25 euros que os anunciados na liña Madrid-Galicia.
Desde finais de 2021, o Ministerio de Transportes incumpriu sistematicamente todas as datas anunciadas para a posta en servizo dos trens Avril de rodadura desprazable, necesarios para a chegada do AVE ás cidades de Santiago, A Coruña, Vigo e Pontevedra, así como para aumentar a oferta de servizos de viaxe entre Galicia e Madrid, incrementando unha dispoñibilidade de prazas claramente insuficiente para atender a demanda e abaratando uns prezos que a día de hoxe non resultan competitivos.
O novo retraso supón que os trens Avril e as súa vantaxes asociadas non estarán á disposición de Galicia nas vacacións da Semana Santa.