O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o papel fundamental da mocidade galega á hora de acadar unha sociedade con igualdade real entre mulleres e homes. Referiuse, así, ás novas xeracións como unha peza fundamental á hora de rachar con estereotipos e acabar con todo tipo de discriminacións.
Así o salientou durante a súa intervención nun acto con motivo da celebración do Día da muller. No evento, fíxose entrega dos galardóns ao alumnado que resultou premiado no concurso de carteis do 8-M e tamén se deu a coñecer a experiencia de dúas mozas referentes nos seus respectivos campos: a deportista Irene Blanco e a cantante Xoana.
O titular en funcións do Executivo galego eloxiou o compromiso de todos os escolares que participaron no concurso e a traxectoria destas dúas mozas á hora de abrir camiños e romper cos estereotipos. Ademais, apelou á necesidade de seguir traballando xuntos, porque “avanzamos moito, pero aínda queda moito por avanzar”. Así, Rueda ratificou o compromiso pleno da Xunta para conseguir unha “Galicia igual”.
A igualdade
debe ser reivindicada os 365 días do ano, pero o Día Internacional da Muller é
a xornada por excelencia para conmemorar os logros conseguidos en materia de
igualdade en todas as esferas sociais. Un día para reflexionar e tomar
conciencia do camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade de
oportunidades real entre mulleres e homes.
Galicia é unha
comunidade comprometida coa construción dunha sociedade máis xusta, inclusiva e
igualitaria, onde toda a cidadanía teña cabida e dereito a desenvolver unha
vida plena, independentemente da súa orixe, xénero e orientación sexual. Un
lugar seguro, onde todas as mulleres e nenas poidan vivir en liberdade.
O día de hoxe
conmemora a loita histórica e presente das mulleres arredor de todo o mundo
pola súa participación na sociedade e polo recoñecemento dos seus dereitos
políticos, laborais, sociais e económicos.
Os dereitos das
mulleres seguen sen estar garantidos en moitos lugares do planeta, e a
consecución dunha igualdade plena en todos os sectores da sociedade debe ser
unha aspiración primordial pola que seguir traballando e celebrando un día coma
hoxe. Un obxectivo do que deben ser partícipes todas as institucións e
colectivos, tanto públicos coma privados.
Nos últimos
anos, a forza do feminismo galego conseguiu desenvolver mobilizacións
históricas que reflicten o compromiso das galegas e galegos para seguir
camiñando cara á igualdade.
Galicia avanza
grazas ao inconformismo e convicción de milleiros de mulleres, asociacións e
organizacións que contribúen á conquista de novos dereitos, para tomar
conciencia das inxustizas e facer do feminismo un movemento cada vez máis
hexemónico na nosa comunidade.
A Xunta de
Galicia leva anos traballando pola promoción da igualdade. Nos últimos tempos
puxo en marcha medidas pioneiras para protexer os dereitos das mulleres, das
nenas e dos colectivos LGBTI.
Un día coma o
de hoxe, cómpre lembrar e poñer en valor os pasos dados nos últimos tempos para
alcanzar unha sociedade máis xusta e equitativa, como a aprobación da Lei de
igualdade efectiva entre mulleres e homes de Galicia, que promove o
empoderamento, as mesmas oportunidades ou os dereitos das mulleres nos eidos
rural e marítimo pesqueiro.
A loita por acadar unha igualdade real -que chegue a todas as institucións e elos da sociedade- leva un longo camiño percorrido. Sen embargo, as cifras indican que aínda queda moito por facer e a realidade evidencia que cada día é unha pequena vitoria nunha vida de loita.
Hoxe, e os 365 días do ano, queremos reivindicar que a igualdade achega novas perspectivas, talento, creatividade e máis oportunidades en calquera ámbito, polo que tamén reiteramos o noso compromiso cunha ciencia do futuro que sexa feminista, integradora e humanista que redundará no progreso e no desenvolvemento real da sociedade."