martes, 19 de marzo de 2024

Rueda garante que Galicia seguirá ofrecendo estabilidade para atraer investimentos sustentables, á vez que continuará blindando os servizos públicos

 


Convidado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) asisto esta mañá ao almorzo informativo con Alfonso Rueda, Presidente en funcións da Xunta de Galicia.
Inscríbese nunha serie de actos que a APD está a organizar cos presidentes autonómicos, co fin de achegar aos seus socios á realidade política e económica de cada rexión. O de hoxe estaba patrocinado por Abanca.

Rueda, comprometeuse a que Galicia continuará ofrecendo “estabilidade” para atraer novos investimentos a través de proxectos viables e respectuosos coa contorna, á vez que garantiu que continuará e reforzará a senda iniciada en 2009 de “blindaxe” dos servizos públicos.

“Arrancamos catro anos de enorme estabilidade, onde Galicia vai ser protagonista de moitas decisións que se tomen a nivel estatal”, asegurou.


Contrapuxo o contexto sociopolítico e económico de Galicia coa situación que ofrece o Executivo central. Neste senso, lamentou a “malísima noticia”, polas “consecuencias” que suporá para as comunidades, a renuncia a presentar Presupuestos Generales del Estado para 2024, á vez que se amosou crítico coas negociacións “bilaterais” que, segundo advertiu, supoñen “desigualdades xurídicas, territoriais e económicas”.


En canto a non contar con orzamentos xerais para este ano, Rueda amosou o seu temor a que “poñan en risco” transferencias ou infraestruturas comprometidas polo Goberno central con Galicia, en referencia ás bonificacións das peaxes na AP-9 ou os investimentos para o Corredor Atlántico Noroeste, ao mesmo tempo que se prorrogan un ano máis as insuficientes partidas referidas á vía de alta velocidade para conectar Galicia con Portugal.


“Nós facemos todo o contrario”, defendeu con respecto á actitude do Goberno galego, do que enxalzou que aprobou en tempo e forma os seus Orzamentos autonómicos para 2024. Neste senso, entre as súas prioridades sinalou como “fundamental” uns servizos públicos “ben financiados”, porque considerou que garanten unha mellora da súa xestión. “Quero que sexa unha prioridade. Foino desde 2009 e ten que seguir a selo”, garantiu.


“Brazos abertos” para investimentos viables e sustentables


Paralelamente a isto, tamén comprometeu “alfombra verde” e “brazos abertos” por parte da Administración autonómica para atraer novos investimentos a través de proxectos viables e sustentables. “Os empresarios non son os inimigos de ninguén, todo o contrario, son os que moven a economía”, defendeu.


Neste senso, puxo como exemplo unha das iniciativas marcadas para os vindeiros anos como é a tramitación –nun prazo máximo dun ano– de todos os proxectos de calado que creen 25 ou máis empregos e traian consigo unha inversión mínima de 2 M€.


En todo caso, defendeu o apoio do Goberno galego a proxectos que sexan respectuosos co medio ambiente e que deixen “importante recursos” no territorio onde xera beneficio. “En Galicia isto entendeuse perfectamente”, asegurou en referencia á intención da Xunta de crear un fondo público-privado para impulsar as iniciativas empresariais máis prometedoras, a partir dun capital inicial de 300 M€.


Galicia, capital europea das enerxías verdes


Neste senso, Rueda indicou o desexo de non perder a ocasión de que Galicia se converta nunha das capitais europeas das enerxías verdes. Así, asegurou que se seguirá defendendo a incorporación da comunidade á rede española de hidrodutos para dar soporte necesario aos múltiples proxectos de hidróxeno verde que están demostrando o seu interese por instalarse no territorio; que se avogará por un despregue racional e consensuado da enerxía eólica mariña, velando pola súa compatibilidade coa actividade pesqueira; e incidiu en que que se explorarán solucións para garantir o retorno social dos proxectos enerxéticos, como a sociedade público-privada Recursos de Galicia.


Rueda defendeu esta forma de facer política ao considerar que ten demostrado que é a máis útil para que un país prospere e teña máis calidade de vida, tal e como considerou que ten ocorrido en Galicia. Así, puxo como exemplo o feito de que o PIB per cápita da Comunidade é o segundo que máis ten medrado nos últimos quince anos; que a economía galega exporta o dobre de antes da crise económica, superando a marca histórica dos 30.000 M€; ou que os galegos e galegas teñan visto medrar o seus salarios tres puntos máis que a media nacional.