Á preocupación que onte comentaba nunha entrada deste Blog referida ao proxecto industrial estratéxico para a implantación dunha industria de fibra téxtil no concello de Palas de Rei, engado hoxe outra referida ás actividades da cadea mar-industria instaladas no litoral de Galicia.
Asó o PPdeG nunha nota de prensa que comparto “considera
que o novo regulamento de Costas que está tramitando actualmente o Goberno
central parte dunha perspectiva “propia do ecoloxismo máis radical” e
“totalmente afastada da realidade de Galicia” e alerta das graves consecuencias
que tería a súa aplicación para a actividade social e económica da nosa
Comunidade.
Explican os populares galegos que o novo texto
legal co que o Executivo pretende substituír o anterior regulamento –anulado polo Tribunal Supremo– é “aínda peor que o anterior” na
medida en que “vai aínda máis alá” nas pretensións do Ministerio para a
Transición Ecolóxica de “deshumanizar a costa
galega e acabar con toda a actividade que se desenvolve nela”.
“Xa sabiamos que ao Goberno de Pedro Sánchez lle
molestan as empresas, as depuradoras, os cemiterios e ata os centros de saúde
que se ubican ao longo do litoral galego. Pero agora descubrimos que
directamente está en contra de que haxa vida en toda a nosa costa”, argumentan
á hora de abordar as consecuencias que implicaría a aplicación do novo
regulamento.
Insisten desde o PPdeG na compatibilidade entre o
desenvolvemento de actividade económica e a protección medioambiental “como
sempre se fixo en Galicia” e lamentan neste sentido
que o Ministerio equipare a situación das praias galegas coas do Mediterráneo á
hora de establecer normas de aplicación xeral. “As
características de Galicia nada teñen que ver coas doutras zonas costeiras de
España”, subliñan.
Os populares contrapoñen a actitude do Goberno
central coa da Xunta de Galicia, que, precisamente para protexer as
edificacións costeiras galegas e ofrecer seguridade xurídica ás empresas
instaladas nestas zonas, aprobou o pasado ano a Lei de ordenación e xestión
integrada do litoral. Unha norma que sería posteriormente recorrida ante o
Tribunal Constitucional polo Executivo chegando incluso a comparala cunha
“declaración de independencia”.
“Fronte a un Pedro Sánchez que nega a Galicia as
competencias de xestión do seu litoral que si lle concede ao País Vasco e que
ademais ataca legalmente a aqueles que lexislan para o beneficio xeral mentres
ampara os actos delituosos dos seus socios, os galegos poderán seguir contando
co PPdeG, con Alfonso Rueda á fronte, para defender os seus intereses a toda
costa”, conclúen.”