O PPdeG reivindicou hoxe, con motivo do Día Internacional da Muller, que “a igualdade que funciona” é a que se basea en “traballar, lexislar e investir en políticas que beneficien ás mulleres os 365 días do ano como fai o goberno presidido por Alfonso Rueda”.
“Para que Galicia funcione, ten que facelo en igualdade. E, grazas ás políticas que promovemos desde o PPdeG, Galicia funciona e faino en igualdade”, asegurou a secretaria xeral Paula Prado nun acto celebrado esta mañá na sede autonómica.
Na súa intervención, a número dous dos populares galegos subliñou que en Galicia o PPdeG lidera o voto feminino e que é ademais o partido con máis alcaldesas na nosa Comunidade: “Podemos e debemos sentirnos moi orgullosas do traballo feito ao longo destes anos. Temos moito do que presumir, motivos de sobra para ir coa cabeza ben alta e non imos aceptar que ninguén nos diga como se promove e se defende a igualdade”.
Neste sentido explicou a importancia de apostar pola conciliación, impulsar o emprendemento feminino, incidir no asesoramento e na posta a disposición de recursos para garantir a independencia das mulleres e loitar contra a violencia de xénero e a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Destacou así medidas que fan de Galicia un referente nestes campos como a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos, a cota cero para as autónomas galegas, a regulación do benestar laboral que contempla a Lei de Igualdade, a ampliación da rede de CIM con unidades móbiles anunciada polo presidente Rueda ou os mecanismos legais e axudas económicas que o Goberno galego pon a disposición das vítimas de violencia de xénero.
“O noso compromiso coa igualdade non se mide nos decibelios dos nosos discursos, senón no número de medidas que fomos implantando ao longo dos anos e nos resultados destas medidas”, concluíu.