lunes, 25 de marzo de 2024

Vendo no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra "A cidade de Ourense nos seus documentos"

 

Visito está mañá no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra A cidade de Ourense nos seus documentos, un viaxe polo pasado da cidade das burgas desde a Idade Media ata o século XX.

Tiven antes a oprtunidade de saudar ao seu director Pablo Sánchez Ferro que xestiona con gran eficacia eprofesionalidade este Arquivo, que recentemente conmemorou o seu 80 aniversario, acreditando que é unha das institucións culturais máis relevantes de Galicia, ademais de ser un dos arquivos provincias máis salientables do Estado, cunha riqueza que abrangue fondos que se remontan ata o ano 974.

O seu primeiro director foi  o gran historiador e aqruiveiro Xesús Ferro Couselo, e logo foi sucedido pola insigne arquiveira Olga Gallego, e despois por Elisa Fernández-Pousa Suárez.

A exposición, de produción propia, fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Entre as institucións colaboradoras atópanse o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.

A mostra estruturase en oito seccións nas que se abordan os aspectos máis importantes da vida urbana ao longo do tempo, como son o goberno, a sociedade, a economía, o urbanismo, as festas, os espectáculos, a relixión e as manifestacións culturais. Un total de 63 documentos orixinais que levan ao espectador a coñecer a historia desta cidade galega.

Entre os elementos máis singulares desta serie de documentos, atópanse a confirmación por parte de Henrique III dun privilexio de Xoán I no que se concede o portádego da ponte de Ourense a Pedro Ruíz Sarmiento (ano 1441), a confirmación por parte de Pedro I dun privilexio de Fernando IV no que exime de impostos aos taberneiros da cidade que compren o viño de Ourense (1353) ou os planos da Porta da Aira en 1616, o da Ponte Vella en 1738 e o do proxecto para o xardín do Posío no ano 1854.

Parabéns por esta magnífica exposición que permite coñecer mellor a historia e a configuración da nosa querida cidade desde a Idade Media.