Así o asegurou hoxe na reunión da Xunta Xestora Provincial do PP de Ourense, na que tamén participaron o responsable de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o resto de novos altos cargos ourensáns da Administración autonómica: Marisol Díaz Mouteira (directora xeral de Patrimonio Natural), Gabriel Alén (director xeral de Comercio e Consumo), Victoria Núñez (directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) e Iago Borrajo (secretario xeral técnico da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas).
Cómpre salientar tamén a continuidade de Miguel Santalices como presidente do Parlamento de Galicia, así como de Antonio Rodríguez Miranda (secretario xeral de Emigración), José Manuel Merelles (director da Axencia de Turismo de Galicia), Ana Méndez (xerente de Galicia Calidade), Pablo Fernández Vila (director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), Judith Fernández (directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa) e Sonia Rodríguez-Campos (directora da Escola Galega de Administración Pública) e Belén Gómez (xefa da Área de Turismo Termal).
A todos eles o líder dos populares galegos pediulles responsabilidade, esforzo e compromiso; reafirmando así mesmo a súa aposta persoal por cumprir a palabra dada no que respecta á provincia e as propostas electorais formuladas durante a campaña. Unha aposta que se traduce na súa decisión de acompañarse dun equipo que, tal e como asegurou, traballará ao estilo de Ourense.
Agradecendo novamente os resultados electorais acadados na provincia, o presidente Rueda asegurou que os ourensáns terán voz no lugar onde se toman os decisións e terán ademais a 8 defensores de Ourense no Parlamento galego.
Na reunión tamén interviñeron os novos conselleiros do Goberno galego, María Martínez Allegue, Antonio Gómez Caamaño, José López e María José Gómez, que se deron así a coñecer entre o partido provincial e fixeron unha breve presentación das liñas mestras dos seus departamentos.
LUIS MENOR PIDE “TRABALLO E DEDICACIÓN” AOS NOVOS CARGOS
Pola súa banda, o líder provincial do partido, Luis Menor, agradeceu ao presidente Rueda “a confianza depositada nas mulleres e homes do PP de Ourense elixidos para formar parte do goberno galego” e afirmou que “responderán con traballo e dedicación para contribuír a desenvolver o estilo Galicia”. Con todo, pediu aos novos cargos que “non esquezan que tamén representan a Ourense e a un partido que sempre está baixo a mirada atenta dos ourensáns”.
Para Luis Menor, esa atención da cidadanía “parte da necesidade de ter alternativas”, destacando que nas eleccións autonómicas “os electores puideron comprobar que o PP de Ourense estaba forte e ofrecía un proxecto serio e rigoroso”. Algo que se reflectiu nos bos resultados obtidos nas autonómicas, “onde un de cada dous ourensáns votaron ao PP”.
“Os votos pídense, pero logo débense”, advertiu neste sentido antes de incidir en que chegou o momento de comezar a cumprir os 12 compromisos adquiridos durante a campaña electoral para desenvolver proxectos na cidade de Ourense. “Farémolo coa axuda de Alfonso Rueda e do novo goberno representado hoxe aquí na figura das novas incorporacións e aos que felicito publicamente”, concluíu.