O Consello da Xunta aprobou hoxe os decretos que establecen a nova estrutura orgánica da Presidencia e das consellerías do Goberno autonómico e que inclúen, entre as principais novidades, a creación da Oficina de Coordinación Económica con rango de secretaría xeral e a Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo, dependente da Asesoría Xurídica Xeral.
Estes dous novos organismos dependerán directamente da
Presidencia da Xunta, ao igual que as delegacións territoriais que pasarán a
estar adscritas a este departamento.
Outra das novidades na área de Presidencia é que as
xefaturas territoriais pasarán a denominarse direccións territoriais. O seu
titular será designado libremente polos titulares de cada consellería entre
funcionarios dos grupos A1 e A2 ou persoas con acreditada competencia e
experiencia profesional no eido no que desempeñarás as súas funcións.
Ademais, o organismo Galicia Calidade pasará a depender
da Axencia Turismo de Galicia.
Pola súa banda, nesta nova lexislatura, a Consellería
de Presidencia, Xustiza e Deportes asume a Dirección Xeral de Mobilidade que
centralizará a xestión de todo o transporte incluído o escolar-, así coma
outros servizos coma o teléfono 065.
Na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
créase a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático que se vai
encargar de toda a tramitación administrativa dos proxectos de enerxías verdes.
No caso da Consellería de Política Social e Igualdade,
a antiga Secretaría Xeral de Igualdade vaise dividir en dous
departamentos: a Dirección Xeral de
Promoción da Igualdade e a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de
Xénero.
Os decretos aprobados hoxe tamén inclúen a creación da
Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, dependente da
Consellería de Economía e Industria, e que será a encargada de atender as
necesidades de solo empresarial para o desenvolvemento económico da
comunidade.
Na Consellería de Facenda e Administración Pública
desaparece a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro porque as súas
competencias pasan a depender da Secretaría Xeral do Tesouro. Ademais, a
xestión do Patrimonio da Comunidade Autónoma pasa a integrarse na Dirección
Xeral de Simplificación Administrativa e as competencias de xogo pasarán a
depender tamén desta Consellería.
Outra das novidades no Goberno autonómico é a creación
dunha secretaría xeral de Vivenda e Urbanismo, dentro da Consellería de Vivenda
e Planificación de Infraestruturas, da que dependerá a Dirección Xeral de
Urbanismo -e dentro dela a Axencia de protección de legalidade urbanística- e o
Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Nesta nova etapa, o Servizo Galego de Saúde pasa a
integrarse por completo no organigrama da Consellería de Sanidade e, no caso da
Consellería do Medio Rural, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e
Industrias Agroalimentarias sepárase a nova Dirección Xeral da PAC e do Control
da cadea alimentaria.
Os cambios incluídos na estrutura orgánica da Xunta de
Galicia teñen o obxectivo de primar a horizontalidade, centralizando os asuntos
por departamentos. Deste xeito, por exemplo, todo o vencellado ao transporte
dependerá dun mesmo organismo. E os mesmo con o servizos sociais, con sanidade
ou con vivenda e urbanismo.