viernes, 26 de abril de 2024

EPA IT 2024: En Galicia a ocupación diminúe en 8.200 persoas e hayn16.700 parados máis que no trimestre anterior

 


INE difundíu hoxe a Enquisa de poboación activa (EPA) correspondente ao I trimestre de 2024. O IGE procesou a información en clave galega, con estos resultados.

Poboación activa

No primeiro trimestre de 2024 a poboación galega de 16 ou máis anos situouse en 2.368.000 persoas, das cales 1.259.300 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53,2%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 8.500 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,3 puntos respecto ao cuarto trimestre de 2023.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2023, o número de persoas activas aumenta en 21.000 persoas e a taxa de actividade aumenta 0,6 puntos porcentuais.

or sexo, a taxa de actividade masculina aumenta 0,4 puntos respecto á cifra rexistrada hai 3 meses, situándose no 57,5%. A taxa de actividade feminina, pola súa banda, rexistra unha variación positiva cifrada en 0,2 puntos, ata situarse no 49,3%.

Poboación ocupada

A ocupación diminúe en 8.200 persoas no primeiro trimestre de 2024 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.127.700 persoas ocupadas. A taxa de ocupación tamén diminúe con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 47,6%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 24.400 persoas, o que supón un incremento do 2,2% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns diminúe en 6.000 persoas respecto ao cuarto trimestre do ano 2023; a ocupación das mulleres, pola súa banda, rexistrou unha diminución de 2.200 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha diminución da taxa de ocupación masculina de 0,6 puntos e dunha diminución da taxa feminina en 0,3 puntos con respecto ao trimestre pasado.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2023, o número de homes ocupados aumenta en 10.800 persoas (un 1,9%), mentres que o de mulleres ocupadas aumentou nun 2,6%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE-2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu na industria e no sector servizos, pero aumentou no sector primario e na construción. Na agricultura e pesca, o incremento da poboación ocupada cifrouse en 400 traballadores e traballadoras máis que hai 3 meses. Na construción a ocupación aumenta en 3.300 persoas respecto ao trimestre anterior. O sector servizos foi o que rexistrou o maior descenso, con 11.600 persoas menos. Na industria a ocupación diminuíu en 200 persoas.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2023, a ocupación aumentou en todos os sectores: no sector primario, un 7,9%; na industria, un 7,5%; na construción, 3,6%; e no sector servizos, un 0,5%.

Poboación asalariada

En Galicia había 919.200 persoas asalariadas no primeiro trimestre de 2024, 778.700 con contrato indefinido e os 140.500 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 9.900 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido. O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe, pola contra, en 11.000 efectivos (o que supón, en termos relativos, unha baixada do 7,3% con respecto ao cuarto trimestre de 2023). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumentou un 4,4%, e as persoas con contrato temporal diminuíron, pola contra, un 4,7%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 15,3%.

Poboación parada

No primeiro trimestre de 2024 en Galicia había 131.600 persoas en paro, 16.700 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumentou 1,3 puntos e sitúase no 10,5%.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2023, o número de parados e paradas diminúe en 3.400 persoas (un 2,5%) e a taxa de paro, a súa vez, decrece 0,4 puntos en termos interanuais.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta tanto o paro masculino coma o feminino: o número total de homes parados sitúase en 64.800 persoas (11.000 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 66.800 persoas (5.700 mulleres paradas máis). Ambas as dúas taxas de paro, tanto a masculina como a feminina, incrementáronse, situándose a primeira no 10% e a segunda no 10,9%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino aumenta en 700 persoas (un 1,1% máis), mentres que o volume de paradas diminúe en 4.100 persoas (un 5,8% menos que hai un ano).

Fogares

No primeiro trimestre de 2024, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 3.300 unidades e sitúase en 49.900 fogares. Respecto ao primeiro trimestre de 2023, esta tipoloxía de fogares diminúe un 12,1%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 10.500 unidades. O número de fogares nesta situación é de 649.400. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 14.400 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,3% en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 329.900 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 123.700 (o 37,5%) están ocupados/as, 35.500 (o 10,8%) parados/as e os 170.700 (o 51,7%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 37,5% no primeiro trimestre de 2024. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 1,8 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2023 aumenta 0,2 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 22,3% neste trimestre; aumenta 5,8 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co primeiro trimestre de 2023, aumenta 3 puntos.

No primeiro trimestre de 2024, o 73,2% dos ocupados e das ocupadas de entre 16 e 29 anos traballa a xornada completa. Con respecto ao cuarto trimestre de 2023, a cifra de ocupados a xornada completa baixa un 0,7%. A cifra de mozos e mozas ocupadas a xornada parcial tamén diminúe neste trimestre; en concreto, baixa en 4.400 persoas. Con respecto ao primeiro trimestre de 2023, aumenta tanto a ocupación xuvenil que traballa a xornada completa (en 2.800 persoas), como a ocupación a xornada parcial (en 600 persoas).

Dos 113.700 asalariados e asalariadas existentes neste trimestre de entre 16 e 29 anos, o 68,4% está vinculado á empresa por medio dun contrato indefinido. O número de mozos e mozas con contrato indefinido aumenta un 1,2% respecto ao trimestre anterior; rexistra un incremento tamén, neste caso do 17,2%, respecto ao mesmo trimestre de 2023. O número de mozos e mozas asalariadas con contrato temporal diminúe un 13,9% respecto ao trimestre pasado, e rexistra unha diminución do 18,4% respecto ao primeiro trimestre de 2023.

A taxa de temporalidade para o colectivo dos mozos e mozas de entre 16 e 29 anos sitúase no 31,7%.

Grandes concellos

Se comparamos os datos dos sete grandes concellos galegos (aqueles que superan os 50.000 habitantes), observamos que Lugo e Ourense son os que presentaron as maiores taxas de ocupación (54,7% e 52,4% respectivamente) no primeiro trimestre de 2024. Ferrol é o concello coa menor taxa de ocupación (37,5%). No referido ás taxas de paro, este trimestre Santiago de Compostela é o concello de entre os sete grandes con menor valor (7,4%) e Ferrol o que presenta a taxa de paro máis elevada (18,1%).

 

Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa