viernes, 31 de mayo de 2024

Eleccións 9X: “O PP será o mellor aliado que o rural ourensán terá en Europa”,


Asisto hoxe ao mitin organizado polo Partido Popular de Ourense no concello de Leiro, no marco da campaña para as Eleccións Europeas
 
 
As políticas do Partido Popular ante o reto demográfico “son un exemplo para Europa”, dixo hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen defendeu o traballo do Goberno galego para atraer e reter talento, a través da Estratexia Galicia Retorna, dándolle a posibilidade ás persoas retornadas de volver á súa terra con todas as garantías.

 

Nun mitin organizado polo Partido Popular de Ourense no concello de Leiro, no marco da campaña para as Eleccións Europeas, José González, afirmou que o PP traballa arreo pola provincia de Ourense, impulsando e dinamizando a economía, fomentando o emprego por conta allea e o autónomo, e simplificando e axilizando os trámites para facilitar a actividade económica. 

 

Salientou, ao respecto, a aposta clara e decidida da Xunta pola coordinación e especialización do ecosistema emprendedor.

 

Deste xeito, incidiu, o compromiso pasa por acadar un emprego de calidade, impulsar a competitividade do tecido comercial e por reforzar “a aposta polo retorno das galegas e galegos do exterior para atraer talento á terra”. 

 

Faino, sinalou, con iniciativas en marcha como as de apoio ao emprendemento, entre elas, os polos, o asesoramento das persoas emprendedoras e a busca de novas alternativas de negocio mediante a implantación de proxectos piloto como colivings e coworkings. Ademais, dixo, no ámbito do comercio tamén destaca un plan de remuda xeracional para garantir a continuidade do comercio de proximidade e revitalizar os núcleos comerciais.

 

LUIS MENOR: O PP SERÁ O MELLOR ALIADO QUE O RURAL OURENSÁN TERÁ EN EUROPA

 

No mitin de Leiro, o presidente provincial popular, Luis Menor, afirmou que “o PP será o mellor aliado que o rural ourensán terá en Europa”, subliñando que unha das propostas destacadas do programa para estas eleccións é “a declaración do sistema alimentario como sector estratéxico”.

 

Menor lembrou que un dos principais compromisos do PP, renovado en cada proceso electoral, “é loitar por un rural de oportunidades, sen cidadáns de segunda, cos mesmos servizos que os habitantes das vilas e da capital”, apuntando que hoxe mesmo o pleno da Deputación aprobou unha moción na que se reclama ao Goberno central que todos os fogares da provincia teñan conexión de fibra óptica neste ano.

 


 

Fronte a este firme apoio a máis do 80 % do territorio ourensán, lamentou Luis Menor, “a peor noticia que nos podían dar para o rural é que o PSOE leve como cabeza de lista a Teresa Ribera, a persoa que desprotexeu aos gandeiros fronte o lobo e un membro do goberno que cargou contra sectores clave como o da carne”.