domingo, 12 de mayo de 2024

A comunidade galega conta con 1.068.335 afiliacións, unha cifra superior á rexistrada hai 15 anos

Difundiu esta semana  o Instituto Galego de Estatística, un Informe sobre afiliacións á Seguridade Social correspondente ao mes de abril de 2024.

Así coñecemos que o número medio de afiliacións ao Sistema da Seguridade Social en Galicia no mes de abril do ano 2024 acadou a cifra de 1.068.335 para o total do sistema, o que supón un incremento respecto ao pasado mes de marzo de 2024 de 6.740 afiliacións (0,63%). Para o conxunto estatal a cifra de afiliacións sitúase en 21.101.505, rexistrando un incremento do 0,95% con respecto ao pasado mes de marzo.


Na comparativa interanual (abril de 2024 con abril de 2023) obsérvase un aumento de 18.020 afiliacións no total do sistema en Galicia (1,72%) e un aumento do 2,36% (486.516 afiliacións) no conxunto estatal.


Por comunidades autónomas e con respecto ao mes de marzo de 2024, rexístrase un aumento das afiliacións en todas as comunidades autónomas, destacando Illes Balears cun incremento do 10,73%. En canto ás taxas con respecto ao mesmo mes do ano anterior, rexístranse taxas positivas en todas as comunidades autónomas. Os aumentos máis acusados prodúcense en Canarias, Madrid e Illes Balears con taxas interanuais superiores ao 3,00%.