Esta semana o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Popular, á que se abstivo o PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España e á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) a inclusión de Galicia no Programa Viena para a construción de vivenda en alugueiro e que as vivendas propiedade desta sociedade en Galicia se destinen a usos sociais coa súa cesión gratuíta á Xunta de Galicia, que deberán integrar as vivendas cedidas no parque público de vivenda en alugueiro que xestiona o IGVS.
O deputado popular Argimiro Marnotes explicou que o Proxecto Viena é unha iniciativa de colaboración público-privada do Goberno de España que, a través da SAREB e con fondos europeos, ten como obxectivo promover a construción de vivendas destinadas a alugueiro accesible. Este programa inclúe un total de 10 comunidades autónomas beneficiarias nas que, no conxunto e sumando as diferentes fases previstas, permitirá dotar a estes territorios de 15.000 vivendas, 3.500 nunha primeira fase.
NON SE COÑECEN OS CRITERIOS
“Lamentablemente, Galicia non está entre estas 10 comunidades elixidas polo Goberno do Estado para beneficiarse do Programa Viena, pero tampouco coñecemos os criterios polos que o Goberno de Pedro Sánchez excluíu á Comunidade galega desta iniciativa financiada con fondos europeos, a pesar das reiteradas solicitudes de información realizadas desde a Xunta”, sinalou.
Marnotes demandou “claridade e transparencia” ao Goberno central na distribución destes fondos europeos para vivenda, así como a cesión de balde daquelas vivendas que estean en condicións de ser alugadas para a súa integración no parque público de vivendas propiedade da Xunta e poder destinalas ao alugueiro social.
“Falta transparencia para aclarar cantas vivendas en condicións de habitabilidade e con licencia de primeira ocupación ten a SAREB en Galicia e onde se sitúan, e falta equidade para aclarar os criterios para incluír ou excluír a unha comunidade autónoma no Programa Viena”, dixo o deputado popular.