miércoles, 15 de mayo de 2024

O PPdeG agarda que o Goberno central comece polo Corredor Atlántico a reparación da débeda pendente coas infraestruturas galegas, e lembra os enormes retrasos na chegada dos trens Avril

 


O ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, viaxará mañá entre Madrid e A Coruña nun tren de alta velocidade da serie 106 de Renfe. Segundo informa o Ministerio “O tren do modelo
Avril partirá ás 7.30 horas da estación madrileña de Chamartín Clara Campoamor e fará paradas en Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña. O traxecto forma parte das viaxes de simulación comercial que está a levar a cabo Renfe para a posta en servizo dos novos trens o próximo 21 de maio.”

E tamén informan que a partir das 11:30 o ministro Puente, "presentará o avance do Plan Director do Corredor Atlántico para Galicia. No acto, que terá lugar no Concello da Coruña, participará tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e o comisionado do Ministerio para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián.”

Desde o PP de Galicia difundimos hoxe esta nota de prensa como previa á citada visita:

O PPdeG agarda que o Goberno central comece polo Corredor Atlántico a reparación da débeda pendente coas infraestruturas galegas.

 Os populares insisten en que o Plan Director da rede ferroviaria “gardado nun caixón desde 2019” debe ser “realista e realizable” e esixen o seu cumprimento logo de anos de atrasos e incumprimentos.

Ante a visita a Galicia de Óscar Puente, lembran as súas reiteradas mentiras na chegada dos trens Avril e ironizan coas palabras do propio ministro: “Resulta irónico que o tren máis rápido se demorase tanto”

15 de maio de 2024. O Partido Popular de Galicia agarda que o Goberno central comece polo Corredor Atlántico a reparación da débeda pendente coas infraestruturas galegas e reclaman que o Plan Director desta rede ferroviaria que, recordan, “leva gardado nun caixón desde 2019”; sexa realista, realizable e cumprido logo de anos de atrasos e incumprimentos.

Ante a visita de Óscar Puente de mañá, os populares recordan ao ministro que os compromisos do seu departamento con Galicia en materia de infraestruturas están moi lonxe de estar cumpridos. 

Un incumprimento que exemplifican co acontecido cos trens Avril: “Que cheguen con catro anos de atraso non é para aplaudir nin para dar por saldada a débeda do Goberno central coa nosa Comunidade”.

“Resulta irónico que o tren máis rápido se demorase tanto”, engaden ironizando coas palabras expresadas polo propio responsable do Ministerio de Transportes. 

De feito, recordan que a compra destes trens foi licitada e adxudicada durante o Goberno de Mariano Rajoy pero “a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa supuxo o inicio dos incumprimentos nos prazos de entrega e na súa entrada en operación comercial”.

Cómpre lembrar que, xa nunha resposta por escrito no Congreso en novembro de 2018, o Goberno central sinalaba que “o proxecto está en fase de construción e a entrega dos primeiros vehículos prevese en xuño de 2020”.

Desde o PPdeG denuncian que estes atrasos prexudicaron á economía de Galicia –especialmente ao sector turístico– e continúan facéndoo na medida en que as cidades galegas seguen agardando o cumprimento dos tempos de viaxe comprometidos na liña de Alta Velocidade que, a día de hoxe, só chegou a Ourense.

De aí que celebren a entrada en operación dos novos trens pero continúen reclamando coñecer cantos deles van operar na liña de Alta Velocidade que une Galicia co resto da Península, as súas frecuencias e os seus prezos definitivos.”