lunes, 6 de mayo de 2024

Rueda anuncia que a Xunta aproba a Estratexia Galega de Mobilidade para garantir desprazamentos sustentables co apoio da innovación tecnolóxica


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para “garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais” que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar “un centenar de medidas”.                                    

A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para  facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como  un instrumento de planificación da mobilidade en Galicia, para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, máis sustentable e máis seguro, apoiándose na innovación tecnolóxica. Tal e como indicou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a finalidade é deseñar xa “a mobilidade que Galicia quere para o futuro inmediato”.

Esta iniciativa avoga por unha mobilidade de baixas emisións, promovendo o transporte público, a intermodalidade e os desprazamentos non motorizados dunha maneira efectiva como parte da loita contra o cambio climático.

Neste sentido, a Estratexia estará aliñada cos compromisos internacionais en materia de desenvolvemento sustentable, como os Obxectivos de desenvolvemento sustentable das Nacións Unidas e o Acordo de París, así como cos principios do Pacto verde europeo ou coa Estratexia galega de cambio climático e Enerxía 2050.

Obxectivos

Tal e como explicou Rueda, a Estratexia consta de 4 obxectivos globais: “reducir a necesidade de desprazamentos, a distancia dos traslados, as emisións contaminantes e os accidentes de tráfico”.

De xeito máis concreto, estes obxectivos deben contribuír a que “o 90 % de poboación estea a menos de 30 minutos da cabeceira da súa área sanitaria ou a menos de 15 minutos da rede viaria de altas prestacións”. As medidas que se van desenvolver tamén deben posibilitar que “o 30% dos desprazamentos que fagan os galegos no 2030 sexan non motorizados;  acadar as cero emisións en 2050 ou reducir un 5% os desprazamentos por estrada en 2050 respecto a 2019”, engadiu Calvo.

O novo modelo de mobilidade proposto para Galicia está enmarcado na consecución destes obxectivos globais que permitirán a implantación das medidas que a Estratexia galega de mobilidade propón alcanzar ata 2050. Para garantir a adaptación da Estratexia á mobilidade real proponse unha primeira revisión en 2030 e tres revisións máis cada 5 anos.

En relación cos investimentos asociados á Estratexia galega de mobilidade, considéranse necesarios case 420 M€ para as políticas específicas para garantir o cumprimento dos seus obxectivos. Ademais, a Estratexia recolle outras actuacións previstas polo Goberno galego en aplicación doutros instrumentos de planificación independentes pero aliñados co fomento da mobilidade sustentable: o Plan de transporte público de Galicia, a Estratexia loxística de Galicia e os investimentos en materia de estradas. Dese xeito, o investimento autonómico ascenderá a 2.500 M€ tan só ata 2030.

Plan de acción con 99 medidas

Os obxectivos globais anteriormente citados desenvolveranse mediante un plan de acción que contará con 99 medidas.

Entre as iniciativas máis destacables cabe salientar, primeiro, a redacción do Plan director de infraestruturas da mobilidade sustentable de Galicia, que planifique e especialmente coordine entre administracións as actuacións de sendas peonís e ciclistas ou puntos de intercambio modal. 

Para o fomento dunha mobilidade non motorizada, a Estratexia inclúe medidas para fomentar o uso de vehículos de mobilidade persoal –como axudas para a compra de bicicletas, por exemplo- ou a execución de aparcadoiros seguros para este tipo de vehículos, en especial nas estacións intermodais.

Ademais, a Xunta vai seguir impulsando a construción de aparcadoiros disuasorios tanto no rural coma nos entornos metropolitanos e habilitar camiños escolares seguros para que os rapaces poidan ir camiñando ao colexio.

Por outra banda, a Estratexia inclúe tamén medidas para seguir impulsando o uso do transporte público. Para iso, queremos levar a cabo actuación que promovan o acceso á alta velocidade ferroviaria desde as 7 cidades, así como a mellora dos servizos de ferrocarril de proximidade. Ademais estudiarase a posibilidade de ampliar o transporte de ría a outros puntos de Galicia como Ferrol ou Muros. 

Outra das medidas será implantar zonas de baixas emisións para reducir o uso de vehículos contaminantes, elaborar un Plan de transporte ao traballo para fomentar ir en transporte público ou ampliar os puntos de recarga rápida de vehículos eléctricos nas estradas.

Ademais vaise promover unha mellora na xestión dos servizos da mobilidade: con aplicacións ou sistemas que permitan maior facilidade nos pagamentos e na reserva ou coa comercialización de billetes combinados (tren, autobús, barco...).

A maiores das actuacións para o fomento da mobilidade sustentable que se executarán directamente en aplicación da Estratexia, promoveranse outras intervencións aliñadas co  Plan de transporte público de Galicia, o Plan director de estradas de Galicia, o Plan sectorial de infraestruturas loxísticas de Galicia e o Plan director de infraestruturas de fomento da mobilidade sustentable de Galicia.

Traballo de campo

A Estratexia galega de mobilidade está conformada por unha memoria, un documento resumo, tres documentos en que se desenvolven os resultados da citada iniciativa e un modelo de transporte.

A memoria analiza a situación actual da mobilidade en Galicia, realizando un diagnóstico, definindo os obxectivos e enunciando as actuacións propostas para desenvolver a Estratexia. 

En canto aos documentos, o primeiro detalla a análise da mobilidade en que se estudan as condicións ambientais, socioeconómicas, de equipamentos ou de seguridade viaria e se avalía o sistema de transportes; o segundo achega o diagnóstico, os obxectivos e as liñas estratéxicas, realizando unha análise das debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da situación actual da mobilidade en Galicia, e o terceiro proxecta o plan de acción, incluíndo unha ficha descritiva e explicativa de cada unha das actuacións propostas para desenvolver a Estratexia.

Pola súa banda, a elaboración do modelo de transporte a medida de toda a Comunidade Autónoma permitirá avaliar o impacto sobre a mobilidade e o tráfico das actuacións que se pretendan acometer nos próximos anos en distintos escenarios.