viernes, 17 de mayo de 2024

Rueda no Día das Letras Galegas: "Sen lingua de seu, o noso pobo veríase privado dunha parte esencial da nosa identidade"

 

Hoxe 17 de maio o presidente da Xunta, Alfonso Rueda presidiu o acto do Día das Letras Galegas en A Coruña. No seu discurso afirmou entre outras cousas que:

"O noso idioma é o fogar de todos os galegos. Un fogar amplo, acolledor, que non pertence a ninguén, ou máis ben, pertence a todas e a todos, a todo un pobo que o ama, o defende e o cultiva.

A Galicia democrática de hoxe recibiu esta casa común do noso idioma e da nosa cultura como legado, e coa misión, o encargo e o deber de facela aínda máis grande. Para iso había que conciliar a liberdade inherente a calquera persoa que vive nun país libre, co necesario pulo a unha lingua que durante moito tempo, como recordaba Víctor Freixanes, fora inxustamente postergada.

Galicia elixiu, polo tanto, o seu propio modelo para facer da nosa lingua algo vivo, algo propio, a nosa identidade, dinámica e con futuro. A lingua galega é hoxe sinónimo de comunicación amable entre os galegos. As linguas son para comunicarse. Non para evocar ningún conflito ou liorta, como penso que non o fai o noso idioma. Senón para ser un nexo que nos une e nos permite expresar sentimentos, os nosos sentimentos.

Non é patrimonio de ninguén, ou como dicía antes, é patrimonio de todos e de todas. É un idioma apto para expresar todos os pensamentos, ideas, circunstancias, todo o que explica a evolución de cada xeración.

Coas mesmas “letras galegas” podemos construír “Galicias” diferentes que se enriquecen entre elas e constrúen entre todas o común que desfrutamos. Nesta festa maior da lingua, que hoxe conmemoramos, sería igual de errónea unha excesiva compracencia, queda moito por facer, como un diagnóstico que estivera só cargado de malos agoiros.

A iso responde tamén a creación dunha Consellería que leva no seu nome e, sobre todo, nas súas tarefas e nas súas obrigas, a necesidade de seguir fomentando, reivindicando, enriquecendo e dándolle á nosa lingua, e hoxe está aquí o conselleiro, que debuta nesta celebración.

O camiño emprendido para engrandecer o noso idioma aínda ten etapas por diante, moitas etapas por diante. Quedan por superar moitos desafíos, algúns que coñecemos e outros que están por vir e tamén por coñecer e, agardo que por superar. Xa sabemos que a fórmula idónea é o respecto ás diferentes sensibilidades.

Queda, en efecto, moito traballo por facer, pero ao mesmo tempo é difícil negar que o noso idioma, a nosa cultura, vive  unha nova primavera. Un idioma que durante séculos tivo que resistir no inverno máis cru, agora avanza grazas a unha dobre vontade, a vontade de todas as institucións por enriba de ideoloxías e de cores políticas pero, sobre todo, a vontade e o convencemento social.

Un idioma que viviu á intemperie durante máis tempo do debido, hoxe desfruta da protección do sistema democrático e do autogoberno, do Estatuto de Autonomía, da Constitución, e das obrigas que aparecen perfectamente reflectidas respecto da súa defensa e do seu fomento.

Todo isto hai que facelo entre todos e contra ninguén. Evitando métodos alleos á nosa sensibilidade, sabendo cal é a realidade lingüística da nosa terra, na que conviven dous idiomas oficiais, coa obriga de fomentar o noso idioma. Idiomas que non teñen que ser inimigos porque ambos forman parte da Galicia común, e o idioma galego parte fundamental da nosa identidade.

Esa realidade lingüística sobre a que hai que actuar ofrece hoxe un panorama plural. Ese bilingüismo no que as linguas non poden estar afastadas por muros. Todo o contrario. No que os galegos poden transitar dunha á outra lingua, moitas veces de xeito inconsciente, e sempre con plena liberdade.

Polo tanto, desa relación harmónica que se dá entre nós, tense que recordar especialmente un día coma hoxe, un 17 de maio. Pensar que os galegos consideramos a lingua galega como algo noso, moi noso, que hai que defender e que non hai que considerar, en ningún caso, como algo superfluo, complementario ou circunstancial.

Galicia desfruta dun gran consenso sobre a defensa do noso idioma. Ese consenso permitiu superar moitas  “longas noites de pedra” de épocas anteriores. Agora hai que unirse para facelo rexurdir, con orgullo, con convencemento.

Romper ese consenso sería tanto como imitar modelos foráneos que xa amosaron a súa ineficacia, é un erro que non debemos cometer. A forza da nosa lingua reside no noso pobo. Sen pobo non hai unha lingua con futuro. Sen lingua de seu, o noso pobo veríase privado dunha parte esencial da nosa identidade.

Por iso a importancia de que a comunidade que formamos todos os galegos siga conservando o noso idioma propio como un punto de encontro. Compartimos a lingua galega e compartimos aos creadores que fixeron dela un instrumento co que expresar sentimentos que nunca van ser perecedoiros.

É o caso da nosa homenaxeada de hoxe, de Luísa Villalta. Creadora é a denominación máis acaída para quen cultivou, desde esta cidade na que estamos, con mestría varios xéneros literarios, sen esquecer nunca a súa vocación musical, e ese violín está aquí para recordalo e para simbolizalo.

Luísa foi ese “violín” solista das nosas letras, chea de “emoción e ambición expresiva”, por citar unha referencia feita sobre ela polo presidente da Real Academia Galega.

Luísa Villalta resume en si mesma unha xeración de escritores, de autores, que modernizaron a nosa literatura, a nosa cultura, a nosa identidade e o noso orgullo. Tamén se implicaron nos debates sociais que agroman na Galicia que camiñou entre o século pasado, que xa parece moi lonxe, e o século presente e todo o que está por vir. Con convencemento, con liberdade e con firmeza.

Non creo que exista para Luísa Villalta e para todos os que foron homenaxeados e os que serán nos seguintes anos,  mellor loanza que dicir que tiña a capacidade de “crear un mundo en cada palabra”.

Co idioma que nos une somos quen de crear un vencello en cada palabra. Un vencello cos demais galegos que comparten, cada un á súa maneira, o seu propio camiño, que ten moitas cousas en común.

Os idiomas naceron para comunicar, transmitir, unir e compartir. Polo tanto, sigamos co galego comunicando, transmitindo e compartindo. Creo que por todo iso, somos un pobo moi afortunado, e hoxe está moi ben, aquí na cidade da Coruña, recordalo"