Na referencia do Consello consta que: “Este cribado enmárcase no proxecto europeo PRAISE-U (sensibilización sobre o cancro de próstata e iniciativa para a detección na UE, nas súas siglas en inglés) e co que se pretende mellorar o diagnóstico precoz desta enfermidade e reducir os falsos positivos que se detectan cos controis actuais. Galicia será a primeira rexión en dar comezo ao proxecto, no que tamén participan Cataluña (Manresa), Lituania, Polonia e Irlanda.
Tal e como adiantou Rueda, o cribado poñerase en marcha na área sanitaria de Ferrol “co obxectivo de chegar a 12.000 homes de entre 50 e 69 anos”. A partir do vindeiro luns, 17 de xuño, a poboación diana comezará a recibir mensaxes SMS ou, no caso de non ter rexistrado o número de teléfono na súa tarxeta sanitaria, cartas para participar no cribado. As invitacións faranse unha vez ao mes durante un ano ata ter convidado a 12.000 homes da área de Ferrol. As comunicacións conterán unha ligazón con información do cribado e ofrecerase un número de teléfono específico, atendido por persoal técnico do Servizo de Detección Precoz de Enfermidades da Consellería de Sanidade, para que os homes convidados poidan resolver posibles dúbidas.
Aqueles que acepten participar serán citados para extracción de mostra de sangue e seguirán o protocolo en función do seu resultado de antíxeno prostático específico. No caso de que ese resultado supere o límite establecido, os pacientes serán remitidos ao servizo de uroloxía para facer as probas correspondentes coas que estratificar o risco de padecer cancro de próstata.
Con este proxecto, agárdase unha mellora no diagnóstico precoz, coa conseguinte redución da mortalidade, e tamén unha diminución de tratamentos innecesarios. Ademais, o proxecto investigará o impacto psicosocial e as percepcións dos participantes sobre o cribado que inclúe o tacto rectal entre as probas que se van realizar en función do resultado previo da análise sanguínea.
Ampliación dos cribados de cancro
A Xunta sitúase á vangarda da prevención da saúde despois de ter ampliado a poboación diana do cribado de cancro de mama, de estender a toda Galicia o cribado de colo de útero e de aumentar a difusión do cribado de cancro colorrectal. Ademais, tal e como se comprometera a facer o presidente Rueda nos 100 primeiros días do novo Goberno galego, xa está posto en marcha o programa piloto de cribado de cancro de pulmón na área sanitaria da Coruña e Cee e a próxima semana iniciarase o de próstata en Ferrol.
Con indicadores que midan a taxa de cobertura do programa
piloto en Ferrol, da participación, a positividade da proba de antíxeno
prostático ou as características dos cancros detectados, no primeiro semestre
de 2026 realizarase unha avaliación para valorar a súa extensión ao resto de
Galicia. O proxecto PRAISE-U conta cun
financiamento total de máis de 12 millóns de euros, dos cales 1.362.00 euros
correspóndense co piloto que se desenvolve en Ferrol. Este proxecto está
cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa Horizonte 20212027.