Diego Calvo agradeceu a dispoñibilidade de José Antonio Santano para participar nunha xuntanza, solicitada en reiteradas ocasións polo Goberno galego tras o nomeamento de Sebastián. Nela o secretario de Estado comprometeuse a remitir o Plan director para poder facer unha valoración do que integra. Nesta liña, acordouse tamén a creación dun grupo de traballo técnico entre Xunta e Estado para avanzar nos proxectos previstos e analizar as necesidades detectadas.
Ademais, a Xunta entregoulles aos representantes do Goberno central o documento da Estratexia integral de optimización loxística, deseñada en colaboración co Clúster da Función Loxística de Galicia e que recolle o conxunto de infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico, considerado polo Goberno galego como unha rede estratéxica.
No que se refire ao financiamento, a Xunta lembrou que os estudos previos realizados por Galicia, Asturias e Castela e León fixaban un investimento para o corredor de 8.000 millóns de euros en novas infraestruturas para ferrocarril de mercadorías, un cifra moi afastada dos 4.700 millóns de euros propostos polo Goberno central dos que ademais, a metade xa están executados.
Ambos os conselleiros trasladáronlles aos representantes do Goberno central as necesidades de Galicia no sector ferroviario e en infraestruturas. Así, Diego Calvo incidiu na necesidade de incluír dentro da rede básica do Corredor Atlántico o eixe A Coruña-Ferrol e Ferrol-Lugo-Monforte de Lemos con horizonte 2030. Sinalou tamén como prioritaria a saída sur de Vigo, tanto para execución da conexión ferroviaria da terminal de Bouzas, esencial para o futuro do porto desta cidade, como para a conexión do AVE con Portugal. Con respecto a esta última, manifestou a preocupación por que o Goberno de España trasladase que vai en tempo, cuestionando que Portugal remate as obras en 2032. O conselleiro pediu proactividade no cumprimento dos trámites para manter o horizonte previsto.
Por outra banda, Diego Calvo esixiu tamén explicacións e solucións ás constantes incidencias rexistradas nos servizos ferroviarios galegos, tanto nos recentemente estreados trens Avril como nos de media distancia, onde non se recuperaron as frecuencias tras a pandemia e se rexistran continuos retrasos. Como resposta, o secretario de Estado comprometeuse a designar un interlocutor en Renfe para proporcionar información sobre as incidencias que se produzan.
Demandas en
infraestruturas
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue entregou un documento con todas as demandas en materia de infraestruturas.
En relación coa AP-9, reiterou a necesidade de que o Executivo estatal achegue información transparente sobre o procedemento de infracción da prórroga da concesión. Demandou tamén ao Ministerio que facilite a transferencia a Galicia desta infraestrutura estatal.
Reclamou
ao Ministerio unha planificación clara das actuacións do Goberno en Galicia, especialmente
nas que se refire aos grandes eixes. Así, tamén instou a coñecer as previsións
para a posta en servizo completa dos viadutos da A-6; ou concreción para o
remate do tramo da A-54 entre Arzúa e Melide. Tamén esixiu previsións reais
sobre a A-52, pediu axilidade no impulso da A-74 na Mariña, ao tempo que
reclamou información sobre a A-56 e a A-76.
Santano
comprometeuse a aplicar as bonificacións na AP-53, que a Xunta leva tempo demandando ao ser a única autoestrada
estatal en España sen bonificacións. A reunión para esta cuestión levarase a
cabo en setembro, entre o director xeral
da Axencia de infraestruturas e o director general de Carreteras.