Dos acordos do Consello da Xunta celebrado hoxe saliento que deulle luz verde á contratación das obras de construción de 64 vivendas de promoción pública na praza de Cambedo de Raia, no concello de Ourense, ás que se destinará un investimento de 13,17 millóns de euros.
Trátase de impulsar a construción dunha edificación de nova planta para dedicala a 64 vivendas de promoción pública, con 81 prazas de garaxe (3 delas accesibles) e 64 rochos, a desenvolver sobre unha parcela de algo máis de 3.000 m2 resultado da agrupación das parcelas 5, 6 e 7 da unidade de execución denominada polígono 1 do Sector Urbano SU-48 do PXOM.
Estas parcelas foron previamente mercadas pola Xunta, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo á Sareb, por un importe de máis de 1 M€. O proxecto obxecto da licitación da obra autorizada hoxe ten como finalidade a construción de 64 vivendas. Así, o conxunto da edificación estará formado por 4 bloques illados, que disporán de planta baixa e 3 plantas de piso para uso de vivenda, con aproveitamento baixo cuberta para rochos e instalacións. Baixo rasante prevese una planta soto común aos 4 bloques, destinada a garaxe e instalacións. Cada un dos bloques contará cun total de 16 vivendas, 4 por planta. Os bloques 1, 3 e 4 serán iguais entre si. O bloque 2 varía na planta baixa, para dar cabida a un local comunitario. Resultarán así 64 vivendas e cada unha delas contará cun rocho.
En total, disporase de 17 vivendas de 2 dormitorios (das cales 3 están adaptadas para persoas con mobilidade reducida), 39 de 3 dormitorios e 8 vivendas de 4 dormitorios. As vivendas de 4 dormitorios contarán cunha superficie útil media de 99 m2, as de 3 dormitorios terán unha superficie útil media de 85,45 m2 e as de 2 dormitorios terán unha superficie útil media de 71 m2. A superficie construída total acadará os 10.646 m2, e a superficie libre da parcela, de 1.204 m2, non ocupada polas edificacións, destinarase a xardíns e espazos libres de uso comunitario.
Unha vez autorizada hoxe polo Executivo autonómico a contratación das obras, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitará nas vindeiras semanas a súa execución, co obxectivo de telas rematadas no 2026. A Xunta de Galicia financia as obras nun 75,19 % con fondos propios, correspondendo un 24,81 % a fondos da Unión Europea (Plan de recuperación, transformación e resiliencia).
Este novo proxecto cumpre o Real decreto 853/2021, de 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En concreto teñen en conta as prescricións sobre eficiencia enerxética, consumo de enerxía non renovable, circularidade e xestión de residuos, que se reflicten no dito decreto.
Ademais dos proxectos cofinanciados con fondos MRR, o Goberno galego está a traballar en vivendas financiadas exclusivamente con fondos da Comunidade Autónoma, así como na adquisición de vivendas de promoción pública aos seus propietarios actuais e na compra de vivendas da Sareb. Esta nova promoción inclúese no compromiso da Xunta de acadar as 8.000 vivendas públicas na presente lexislatura, construíndo novas vivendas nos sete grandes concellos e as súas áreas de influencia.