lunes, 8 de julio de 2024

O GPP defenderá no Parlamento de Galicia esta semana compromiso real e efectivo para a construción de infraestruturas viarias vitais

 

O pasado venres o viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña, anunciou que o GPP defenderá no Pleno desta semana unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España un compromiso real e efectivo para a construción de infraestruturas viarias vitais. “Estamos a falar de novas autovías fundamentais para a conexión por estrada de Galicia coa Meseta, así como a propia vertebración interior da nosa comunidade, como son as autovías A-56, entre Lugo e Ourense; A-52, no acceso a Vigo; A-74, que conecta A Mariña Lucense;  e A-76, de Ourense a Ponferrada”, concretou..

“Lamentablemente, todas elas deben figurar no furgón de cola entre as prioridades do Goberno de Pedro Sánchez, porque ano tras ano os galegos asistimos con resignación a súa ausencia nos plans de actuacións viarias estatais”, indicou, para incidir que “este agravio comparativo respecto ao trato que reciben outras comunidades autónomas non nos vai facer decaer no desánimo e desde o Partido Popular de Galicia imos seguir insistindo na solicitude ao Goberno de España para que se poña mans á obra e leve adiante estes proxectos vitais para a nosa comunidade”.

O viceportavoz popular tamén demandou ao Goberno central atención ás infraestruturas da súa competencia xa existentes en Galicia, levando a cabo as actuacións necesarias de mantemento para garantir un tránsito seguro e cómodo polas mesmas.

Así, referiuse á A-8, que conecta Galicia con Asturias, na que “seguimos á espera de que o Ministerio de Transportes adopte unha solución definitiva ao problema de tráfico nesta vía cada vez que a néboa aparece polos cumios de Mondoñedo ou Abadín”.

“Pero é que, o que resulta moi preocupante, é que a vía alternativa a A-8 cando a néboa obriga a prohibir o tráfico por esta autovía, é dicir, a estrada N-634, presenta un estado máis que deficiente, o que fai preciso unha actuación urxente para a renovación da capa de rodadura, a mellora da sinalización, o balizamento e o peche de tramos para evitar a entrada de animais á calzada”, dixo o viceportavoz popular, a pesar de que existe un proxecto de intervención redactado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2017, “pero que o Goberno de Pedro Sánchez ten gardado nun caixón desde hai sete anos, facendo caso omiso das reclamacións realizadas desde distintas institucións, entre elas este Parlamento de Galicia”.

AGOCHAR O ABANDONO DE ANOS DA A-6 E A-52

Respecto das autovías A-6 e A-52, García Comesaña sinalou que “de pouco serve que o Ministerio de Transportes teña recoñecido o mal estado do firme destas dúas autovías, froito do abandono que sufriron durante moitos anos sen actuación algunha nas mesmas”. Neste sentido, apuntou que agora o Ministerio de Transportes “intente agochar este abandono coa realización de actuacións de emerxencia no firme destas dúas autovías, cando o que realmente precisan estas autovías é un reacondicionamento integral do firme, para o que fai falta vontade e orzamento que, lamentablemente, o Goberno de Pedro Sánchez non ten con Galicia”.

Para rematar, Julio García Comesaña referiuse á AP-9 e avanzou que o Goberno de Pedro Sánchez “vai xustificar a súa negativa tanto a transferencia a Galicia desta autopista como a eliminación das peaxes en motivos económicos, máis desde que comprobamos que, cada vez que o señor Puente fala, sube o prezo da transferencia e da concesión: pasou dunha cifra de entre 1.260 millóns e 2.600 millóns de euros  para a transferencia; á última cifra de 6.000 millóns para esa mesma concesión”. “Son cifras que van incrementando segundo aumentan as incongruencias e as contradicións dos dirixentes socialistas respecto da AP-9”, engadiu.

“Desde o Grupo Popular nunca nos cansaremos de pedir rigor ao Goberno de Pedro Sánchez á hora de afrontar tanto a transferencia como a gratuidade da AP-9, máxime cando os propios socialistas prometeron durante a campaña electoral o levantamento das peaxes nesta autopista”, manifestou