viernes, 19 de julio de 2024

Rueda destaca que o Goberno galego cumpriu o 100% das medidas anunciadas para os 100 primeiros días


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Goberno galego xa cumpriu o 100% das medidas anunciadas para os primeiros 100 días. Así o sinalou esta mañá durante un acto de balance no que estivo acompañado por todo o equipo de goberno e no que se repasou o estado de tramitación de todas estas iniciativas.

Na súa intervención, o titular do Executivo galego puxo en valor “todo o traballo que hai detrás” desta acción de Goberno, que permite que Galicia sexa cada día “un pouco mellor” e “un pouco máis referente”. 


Ademais, salientou a importancia de ser fiel á “palabra dada” porque “en Galicia somos de fiar”. Así, considerou que a través do impulso de medidas como a gratuidade da matrícula universitaria, de nova vivenda pública ou de máis prazas para maiores e persoas con discapacidade, a Administración autonómica devolve a confianza que os galegos depositaron nela.


De cara ao resto de lexislatura, animou a todo o equipo de goberno a continuar mantendo “a ambición”, “a frescura”, “os ollos e oídos abertos” e “os pés na rúa” para seguir “traballando xuntos” coa mesma intensidade que durante os primeiros cen días. 


Por último, agradeceu o traballo dos conselleiros, cadros directivos e “do excelente persoal público” por ter conseguido cumprir o 100% das medidas, un fito que considerou “para estar moi orgulloso”.


Medidas dos 100 primeiros días


En concreto, nestes meses cumpríronse ou iniciáronse os trámites para dar cumprimento a medidas como a remodelación e reapertura do estadio do Couto e finalización da parte autonómica do complexo acuático de Monterrei; a gratuidade dos primeiros gastos para adoptar un animal de compañía; os trámites para que desde o vindeiro curso a primeira matrícula universitaria sexa gratis; o impulso das 1.000 novas prazas públicas de residencias, centros de día e centros de discapacidade; o establecemento de solo público empresarial gratuíto para os primeiros 8 anos; ou a elaboración dos plans directores do naval e a automoción.


Ademais, tamén estaban incluídos nestes compromisos máis urxentes a redución da tributación das herdanzas entre parentes cunha nova rebaixa que pode beneficiar a máis de 9.500 persoas ao ano; a tramitación da primeira Lei de Intelixencia Artificial dunha rexión europea; os avances nas autovías Tui-A Guarda e Nadela-Sarria; e o impulso á construción de 375 vivendas públicas.


Así mesmo, súmanse a incorporación da vacina intranasal para os cativos de dous a cinco anos e novos programas piloto de cribado de cancro de próstata e de pulmón; avances para que as mulleres de ata 45 anos poidan acceder á reprodución humana asistida na sanidade pública  e  posibilitar que as mulleres poidan conxelar os seus óvulos sen necesidade de ter unha patoloxía previa; a creación da rede dinamización cultural no rural; unha convocatoria novidosa para impulsar a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas de alto valor engadido; o programa de primeira experiencia profesional para fomentar a contratación de menores de 30 anos nas empresas galegas; o impulso aos polígonos agroforestais no rural; e o novo Plan de Acción Marisqueiro 2024-2025.