Así o sinalou hoxe durante un acto en Valença do Minho no que se asinou un manifesto a favor desta conexión. A esta petición sumáronse diferentes actores do tecido social e económico a un e outro lado da fronteira, como concellos, deputacións, empresarios, sindicatos ou universidades.
O titular do Executivo galego destacou a importancia de que se unan forzas ao redor desta reclamación, que considerou de xustiza. “Reclamamos o que nos corresponde, o que merecemos e o que levamos tempo esperando”, indicou o presidente que lembrou que a raia entre Portugal e Galicia é a fronteira entre España e o país luso “con máis tráfico e máis relacións de todo tipo” como culturais ou económicas. “Somos unha soa terra para moitas cousas”, salientou.
A alta velocidade entre Portugal e Galicia xa foi considerada prioritaria en distintas cimeiras ibéricas entre España e Portugal, e que o presidente tratou esta cuestión directamente cos ministros español e portugués do ramo.
Por último, Rueda apuntou que no manifesto tamén se reclama unha mellora do coñecido como Tren Celta que une Vigo con Porto. Así, apuntou á necesidade de modernizalo porque actualmente a conexión e o material rodante desta liña non cómpren cos estándares actuais de eficiencia.
Adhesións ao manifesto
Do lado galego, adheríronse polo de agora ao manifesto as confederacións de empresarios de Galicia e das catro provincias; as deputacións de Lugo, Pontevedra e Ourense; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); as Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) Norte de Portugal, Río Miño e Chaves-Verín; as Universidades de Santiago e Coruña e os consellos sociais das tres universidades; o Consello Sindical Interrexional Galicia-Norte de Portugal; e a Fundación de Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER).
Do lado portugués, subscribiron o documento: o a Asociación Empresarial de Portugal (AEP); a Asociación de desenvolvemento rural integrado da Lima; a Comunidade Intermunicipal do Cávado; as cámaras municipais de Valença, Chaves e Ponte de Lima; a universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo.