sábado, 10 de agosto de 2024

A Xunta inviste máis de 5M€ na renovación do firme na autovía AG-53, no treito comprendido entre o enlace de Cea e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas, a A-52


A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou onte en Maside o inicio das obras de renovación do firme na autovía AG-53, no treito comprendido entre o enlace de Cea e a súa conexión coa autoestrada das Rías Baixas, a A-52, traballos, que tamén incluirán a renovación do firme no enlace de Piñor.

A renovación integral do firme desta autovía foi adxudicada en maio e xa están as máquinas traballando na estrada para compensar o desgaste natural do pavimento por mor do paso do tempo. O investimento 5.235,216,50 €.

A intervención efectuarase ao longo de 13 quilómetros, executándose en dúas fases: unha primeira que xa está en marcha e se centra en reparacións estruturais do firme. A segunda fase consistirá na disposición dunha nova capa de rodaxe.

Estas obras completan o acondicionamento do firme nesta infraestrutura, tras as executadas en 2020 entre Dozón e San Cristovo de Cea, cun investimento de 4,8M€.

Cómpre lembrar que o trazado afecta a 7 termos municipais: Amoeiro, Maside, Ourense, Piñor, Punxín, San Cristovo de Cea e Toén, cuxos veciños contarán cunha estrada máis segura e cómoda.

Ademais a conselleira fixo fincapé tamén na importancia dun bo mantemento deste viario empregado por moitos transportistas.

Destacou que a Xunta mantén libre de peaxe esta autovía autonómica e “aínda sen cobrar aos usuarios vai completar unha renovación da capa de rodaxe en toda a vía”.

Actuación específica no viaduto do río Barbantiño

A responsable de Infraestruturas detallou a particularidade de que dentro do tramo sinalado se atopa o viaduto sobre o río Barbantiño, que será obxecto  dun proxecto de reparación específico.

Concretou que o proxecto  incluirá, entre outros,  a impermeabilización do seu taboleiro, motivo polo cal no presente proxecto non se incluirá a renovación do pavimento sobre este viaduto.

Aposta pola seguridade viaria

María M. Allegue salientou a importancia da conservación dos firmes nas estradas. Neste sentido, lembrou que a Xunta está a acondicionar este verán a capa de rodaxe en 35 estradas como  a AC-110, AC-564 e AC-566 en Ferrolterra; en varios treitos da AC-303 en Ribeira; ou na AC-550, en Outes.

Avanzou que se comezará en breve a mellora do firme en dúas estradas autonómicas da provincia de Lugo, en Monterroso, Taboada e Palas de Rei.

Apuntou que o compromiso tamén se demostra cos datos de investimento en firmes de 2024, cun total licitado de máis de 28M€, dos que 6,4M€ se invisten na provincia de Ourense.

Remarcou a aposta da Xunta pola seguridade viaria, incrementando este ano un 8%  o investimento destinado a conservar as estradas autonómicas. Así, o orzamento total destinado a este fin ascende a 53M€, o maior investimento en 10 anos.

Concluíu que “tan estratéxica é a construción de novas estradas como o mantemento das existentes”, polo que insistiu na necesidade dun “plan de conservación tamén para as estradas do Estado en Galicia, posto que moitas requiren dunha actuación urxente”.