domingo, 25 de agosto de 2024

Na Festa da Vendima de Leiro


Asisto hoxe á XXXIII Festa da Vendima de Leiro. declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, que xorde no ano 1963 da man do Concello de Leiro e celébrase a partir do ano 2000 o último domingo de agosto.

Durante todo o día hoy houbo varias actividades como o tradicional desfile e concurso de carrozas, a mostra de Viños do Ribeiro e de coches clásicos, o concurso de acios de tinto e branco, o mercado artesanal e a comida popular en O Salgueiral.

Foi pregoeira a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que destacou a ampla tradición, a calidade e o apego á terra que caracterizan os viños do Ribeiro.

Sinalou que “o viño é inseparable da celebración” en Galicia e especialmente “nun momento tan sinalado para os viticultores e adegueiros como é o da colleita da uva”.

Nesta liña, Gómez puxo en valor que só na denominación de orixe Ribeiro (a máis antiga de Galicia) hai preto de 1.600 viticultores e máis de cen adegas. Ao tempo, animou a festexar “a moita riqueza que atesouran as súas vides”, grazas -dixo- “á combinación do saber facer dos agricultores cunha terra de extraordinaria calidade e cun clima particular”.

Todo isto, engadiu, confire ao Ribeiro unhas características únicas e permite que os seus viños respondan a “unha serie de combinacións de exquisitos aromas afroitados e florais que case sempre resultan sorprendentes, ao elaborarse con variedades autóctonas tradicionais”. Precisamente, a conselleira puxo de relevo o valor de castes como Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao ou Sousón, propias desta DO e que propician que estes viños teñan unha personalidade.