sábado, 3 de agosto de 2024

Na Festa do Pemento de Arnoia


Asisto onte a inauguración da XLV edición da Festa do Pemento de Arnoia, evento declarado Festa de Interese Turístico Galego que se celebrará ata o vindeiro domingo.

Presidiu o acto a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e o alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio.


Esta cita gastronómica busca promocionar este produto, amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida, no mercado e exaltar a súa calidade. 


De feito, a IXP Pemento da Arnoia forma parte das Experiencias de Calidade da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural. Eventos coma este permiten poñer en valor a excelencia e o potencial dos produtos hortícolas de Galicia, neste caso o pemento da Arnoia, e divulgar as características que os fan especiais.


A IXP Pemento da Arnoia conta con preto dunha vintena de produtores e cunha superficie inscrita de 3,6 hectáreas, distribuídas dentro deste concello e na parroquia de Meréns, no municipio de Cortegada, chegando a unha produción comercializada de preto de 2.500 quilos no pasado ano.


A Consellería do Medio Rural apoia esta produción de calidade diferenciada e, por iso, neste ano investirá arredor de 6 millóns de euros nun plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada, entre os que se atopa a IXP Pemento da Arnoia.