O pavillón polideportivo é un ano máis, a sede da Feira da pataca. A novas de maquinaria e os apeiros de labranza atoparanse no Parque do Toural.
Na inauguración desta feira, que se desenvolverá en Xinzo ata o domingo 1 de setembro, o alcalde Amador Díaz agradeceu a presenza da conselleira e dos directores xerais, que eran moitos os presentes, e sobre todo a de todos os alcaldes da Limia, porque segundo afirmou, esta feira celébrase en Xinzo, pero representa a toda a comarca.
O presidente da Deputacion Luis Menor lembrou que "falar da Limia é falar de exemplo de desenvolvemento e produción do sector primario, en Ourense e no resto de Galicia. É falar de emprego, de movemento económico e de oportunidades".
Ademáis de lembrar o total apoio da Deputación coas reivindicacións dos regantes, Menor recalcou reiterou o compromiso da institución provincial "para fortalecer o traballo de asesoramento e investigación que realiza o Centro Agrogandeiro do Inorde co traballo dos nosos técnicos e coas achegas e suxestións dos auténticos valedores do sector, que son os nosos agricultores".
Pola sua parte a Consellería do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor a comarca da Limia como unha das zonas agrarias máis produtivas de Galicia, converténdose nun exemplo das oportunidades que xera a actividade agropecuaria para xerar riqueza e fixar poboación no rural. Lembrou, así mesmo, o compromiso do Goberno galego co proxecto do regadío desta comarca.
A maiores, falou do gran atractivo desta feira, a pataca. Nesta liña, resaltou a gran calidade das producións limiás que teñen o amparo da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. De feito, esta IXP comercializou no ano pasado máis de 5 millóns de quilos de pataca que se traduciron nun valor económico estimado de case 2,8 millóns de euros.
María José Gómez fixo fincapé na importancia da súa calidade e promoción. Por iso, resaltou que a Xunta de Galicia é e será sempre un aliado dos produtores á hora de promocionar os seus excelentes produtos. Neste sentido, recalcou que neste 2024 destinaranse 6 millóns de euros ao plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada -como é a IXP Pataca de Galicia- e seguirase favorecendo a presenza destas producións en eventos e feiras.