lunes, 5 de agosto de 2024

A saída de Cataluña do réxime común, tras o acordo bilateral acadado co Goberno central, suporía para Galicia unha perda de recursos de 444 M€


Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu que a saída de Cataluña do réxime común, tras o acordo bilateral acadado co Goberno central, suporía para Galicia unha perda de recursos de 444 M€, segundo o cálculo presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública elaborado “desde o punto de vista obxectivo e, polo tanto, contrastable”.

O titular do Executivo galego recordou que, tal e como veñen destacando desde varios territorios, este acordo “vai ir en prexuízo das facendas autonómicas en todos os casos”, de aí que hoxe se presentara este informe para avaliar o seu efecto en Galicia.


Así, segundo o documento que se avaliou esta mañá no Consello, no caso de que se mantivese o actual modelo de financiamento autonómico, pero sen Cataluña, a Comunidade galega perdería 270 millóns de euros anuais do Fondo de Garantía, que asegura que as CC.AA. con maiores niveis de ingresos contribúan ás que por poboación axustada ingresan menos; e perdería tamén 83 millóns de euros do Fondo de Cooperación.


Así mesmo, tal e como se desprende do informe, esta nova situación comprometería tamén as transferencias de financiamento finalistas que reciben as comunidades, como son o financiamento das políticas de emprego e a de dependencia, cuxo impacto suporía para Galicia unha perda de 91 millóns de euros anuais adicionais.


En total, o mantemento do actual sistema de financiación pero sen as aportacións de Cataluña implicaría para Galicia unha minoración dos seus recursos en torno aos 444 millóns de euros.


Neste sentido, o presidente da Xunta avanzou que “loxicamente, se outras comunidades autónomas, como Madrid ou Baleares, pediran o mesmo, estaríamos falando dunha cantidade moitísimo maior”.


Vulneración dos principios constitucionais


Segundo resaltou Rueda, ademais das cifras, o acordo tamén contén “complicacións xurídicas”. Así, incumpriría ata 16 artigos da Constitución Española, especialmente os que consagran os principios de solidariedade interterritorial e a potestade do Estado para garantilos; así como outros que se recollen na LOFCA (Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas), a norma orgánica que regula as relacións financeiras das comunidades.


Esta ruptura afectaría a todas as comunidades, alterando o sistema de financiamento e ás relacións financeiras das CC.AA. entre si e co Estado. Neste sentido, o texto lembra que a reforma do sistema de financiamento debe ser debatida no Consello de Política Fiscal e Financeira nun contexto de multilateralidade.