martes, 13 de agosto de 2024

Posta en marcha en Verín da primeira base de medios aéreos transfronteirizos de España e Portugal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a posta en marcha da nova base aérea de Verín-Oímbra, a primeira transfronteiriza entre España e Portugal
, que desde hoxe mesmo queda “plenamente operativa”. Esta infraestrutura, enmarcada no Proxecto europeo Interlumes, ten como obxectivo mellorar e intensificar a capacidade operativa de resposta na extinción de incendios forestais, consolidando os mecanismos de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal.

“Ogallá que non sexa necesario utilizalas moito, pero cando sexa necesario teremos esta base, estes medios e a magníficos profesionais que van poder actuar a un lado e outro da fronteira”, apuntou durante unha visita ás instalacións na que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.


Rueda subliñou que esta nova base exemplifica a cooperación fluída e intensa co país luso, reforzando a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como exemplo de integración e dinamismo e para dar un salto de calidade na extinción de lumes. Así, puxo en valor a necesidade de facer “proxectos transfronteirizos, aínda que non é nada sinxelo xa que requiren dunha tramitación moi complexa”, polo que quixo dar as grazas a todos os que o fixeron posible.


A base aérea de Verín-Oímbra, na que se investiron preto de 5,5 millóns de euros, –obra cofinanciada polo programa Interreg POCTEP–, está orientada principalmente aos traballos de extinción de incendios. Así, nela poden operar helicópteros e avións de carga en terra. O aeródromo dispón dunha plataforma de estacionamento para seis aeronaves de carga en terra e o heliporto para catro helicópteros, cunha pista de aterraxe que mide 1.200 metros. Ademais, conta con catro depósitos de auga e instalacións de carga de combustible.


Así mesmo, as instalacións incorporan unha torre de control e un edificio de descanso con tres zonas diferenciadas, para pilotos de avións, para pilotos de helicópteros e para brigadas contra incendios.


Aposta pola mellora constante


O presidente da Xunta tamén fixo referencia á constante aposta por mellorar a prevención e loita contra os lumes, un obxectivo ao que o Goberno galego destina anualmente preto de 200 M€, dos que unha parte moi importante van para o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), operativo todo o ano e reforzado na temporada estival.


Alfonso Rueda quixo agradecer tamén o traballo dos máis de 7.000 efectivos que integran o operativo contra incendios en Galicia, e fixo un chamamento á cidadanía para colaborar na detección e prevención, notificando calquera indicio de lume a través do número de teléfono 085.