jueves, 5 de septiembre de 2024

O estudo encargado pola Xunta cifra en 526 m€ o custo da transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e o rescate oscila entre 1.612 m€ e 2.355 m€

 

Esta mañá a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xefe de Proxectos da consultora Eptisa, Marcos Maderuelo, deu conta nunha rolda de prensa dos resultados dun estudo encargado pola Xunta que cifra en 526M€ o custo da transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e o do rescate oscila entre 1.612M€ e 2.355M€.

Consta na nota de prensa difundida que:

“O Goberno galego encargou no pasado mes de xuño a unha empresa experta e independente unha análise pormenorizada para determinar o custo real do traspaso da AP-9 á comunidade, unha reivindicación reiterada desde o ano 2009.

Segundo detallou a conselleira, o informe hoxe presentado contempla dous escenarios, o primeiro a transferencia da titularidade da AP-9 á Comunidade Autónoma.

O cambio de titularidade en si mesmo non tería custo, pero si os incrementos de bonificacións que se prevén no texto da proposición de Lei que se tramita no Congreso, que suporían un gasto de algo máis de 526 M€ adicional ás bonificacións vixentes.

O segundo escenario que avalía o estudo é o rescate e, en consecuencia, a gratuidade, cuxo custo se estima nunha oscilación entre os 1.612 e os 2.355 M€


.

Estes números froito do citado estudo, tal como puntualizou a conselleira, distan moito dos ofrecidos nos últimos meses polo ministro de Transportes, Óscar Puente, que falou primeiro de 2.000M€, logo de 4.000€ e finalmente ata 6.000M€.

A Xunta vén demandando transparencia ao Goberno nestas cifras e, dada a súa negativa, encargou este estudo para poder contar con información rigorosa sobre os investimentos necesarios para os citados procedementos.

María M. Allegue subliñou que a Xunta segue defendendo esta transferencia, cuxa proposición de Lei foi aprobada polo Parlamento galego ata en catro ocasións e por unanimidade.

Cómpre lembrar que o Congreso dos Deputados tamén admitiu en xuño, por terceira vez, o debate para materializar este traspaso.

A responsable de Infraestruturas fixo fincapé en que o Goberno galego continuará exixindo que se cumpran os compromisos do PSOE e do BNG, que prometeron en campaña das eleccións autonómicas a gratuidade na AP-9 e tamén na AP-53 entre Santiago e Lalín.”