Hoxe o PP de G difunde esta nota de prensa:
"O PP de Galicia pide a comparecencia de Óscar Puente no
Congreso para aclarar a súa postura sobre a transferencia e a gratuidade da
AP-9
● “Estamos realmente moi preocupados polas manifestacións que fixo o ministro esta semana no Senado”, sinalan os deputados galegos.
● Os populares lamentan que o pacto de
investidura entre PSOE e BNG, no que se recollían novas bonificacións para
2024, “se trataba, como era de prever, de papel mollado e un engano a todos os
galegos e galegas”.
15 de setembro de 2024. Os deputados do Partido Popular de Galicia veñen de rexistrar no Congreso a petición de comparecencia, tanto en Pleno como en Comisión, do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, para que aclare a súa postura sobre a transferencia e a gratuidade da autoestrada AP-9.
“Facémolo porque estamos realmente moi preocupados polas manifestacións que o ministro fixo esta mesma semana no Senado”, expresa o deputado galego Celso Delgado, despois de que Puente deixara caer na Cámara Alta que os compromisos lanzados nos últimos meses por el mesmo, por Sánchez e polo seu partido probablemente non se fagan realidade.
En primeiro lugar, o PPdeG quere información sobre cal é a real posición do Goberno central en relación á transferencia da AP-9 a Galicia: “Estamos en plena fase de tramitación da mesma e realmente estamos a observar indicios de que Sánchez e os seus, en lugar de activala, pretenden novamente boicoteala”, sinala Delgado, vicepresidente segundo da Comisión de Transportes no Congreso.
Así mesmo, os deputados galegos desexan saber por que o Executivo estatal non vai aplicar as novas bonificacións aos usuarios ás que se comprometeu para este ano 2024 a través do pacto asinado entre PSOE e BNG, que “como era de prever, se trataba de papel mollado e un engano a todos os galegos e galegas”.
De feito, cómpre lembrar que durante a campaña das eleccións autonómicas o Goberno central deu un paso máis e o candidato socialista, o señor Gómez Besteiro, co aval de Sánchez, comprometeu a gratuidade desta autoestrada AP-9. “Queremos coñecer cando van dar os primeiros pasos para cumprir ese compromiso da campaña electoral”, abunda Celso Delgado.
Por último, os deputados do PPdeG tamén buscan coa comparecencia descubrir as razóns polas que o ministro chegou a falar duns custos da transferencia ou rescate da AP-9 de ata 6.000 millóns de euros, cando un recente estudo encargado pola Xunta de Galicia cifra en 526 millóns de euros o custo da transferencia e o rescate cífrao entre os 1.612 e 2.355 millóns de euros. “Sobre todo isto o ministro debe dar explicacións”, conclúe.