O mercores desta semana o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que incremente a dotación de recursos humanos e materiais necesarios para dar resposta eficaz á tramitación das solicitudes de homologación, de declaración de equivalencia ou de validación de títulos universitarios estranxeiros que están pendentes de resolución.
O viceportavoz popular, Julio García Comesaña, lembrou que o Goberno central aprobou en outubro de 2022 un Real Decreto que establecía o prazo máximo para resolver e publicar a resolución de homologación dos títulos en seis meses. “Lamentablemente, case dous anos despois miles de casos seguen pendentes de resolución, xerando críticas polos longos tempos de espera e chegando ao punto que o propia ministra de Universidades cualificara a situación como de ‘inasumible’”, sinalou.
ESPECIALMENTE NA RAMA SANITARIA
En concreto, García Comesaña indicou que, segundo os datos achegados polo propio Goberno central, a finais do pasado ano había máis de 60.000 solicitudes de homologación e outras 20.000 solicitudes de declaración de equivalencia pendentes de resolución por parte do Ministerio. Neste sentido, dixo que “chama a atención os datos relativos a títulos da rama sanitaria, xa que hai máis de 20.000 solicitudes pendentes de resolución de títulos de medicina e máis de 3.500 solicitudes pendentes de títulos de enfermería”. Aínda que o Goberno central non proporciona datos por comunidades autónomas, unha aproximación estatística podería levar a máis de 1.000 títulos de medicina de residentes en Galicia pendentes de homologación.
“Diante desta situación, desde o Grupo Popular solicitamos que o Goberno de España incremente a dotación de recursos humanos e materiais necesarios para dar resposta eficaz á tramitación do número, cada vez máis alto, de solicitudes de homologación ou declaración de equivalencia, co obxectivo de dotar ao tecido produtivo e social do persoal cualificado necesario”, manifestou o viceportavoz popular.