domingo, 29 de septiembre de 2024

O PPdeG denuncia os problemas ferroviarios que sofre a mocidade galega: “Non é transporte de ocio, necesítano para ir a clase ou traballar”

O Partido Popular de Galicia faise eco dos problemas que sofre a diario a mocidade galega que emprega o tren para asistir á clase ou ao seu posto de traballo e por iso esixe ao Goberno central a adopción de medidas urxentes para solucionar as reiteradas incidencias, avarías e atrasos na rede ferroviaria de media distancia en Galicia.

Os deputados galegos no Congreso veñen de rexistrar unha pregunta escrita e unha solicitude de comparecencia en Comisión do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente para que “renda contas dos problemas que está a causar a súa falta de xestión”. 

 

Argumentan os populares que ao longo deste mes de setembro, lonxe de superarse os habituais problemas que sofren os trens de Renfe fundamentalmente no Eixo Atlántico, estes aumentaron: “Aparte de esgotarse gran parte das prazas os xoves, venres, domingos e luns, os usuarios quéixanse a diario pola falta de frecuencias e prazas en horas punta, os fallos na web e na aplicación, a falta de persoal, etc.”

 

Unha situación que, denuncian, é xa “crónica” na rede ferroviaria galega e se agravou aínda máis tras a posta en marcha dos bonos gratuítos de Media Distancia, que levaron ao límite unha infraestrutura que segue co mesmo número de frecuencias a pesar de que se duplicaron os viaxeiros. 

 

O deputado vilagarcián Juan Andrés Bayón sostén neste sentido que “Renfe non soubo adaptarse ás necesidades dos seus usuarios” e pon o foco en que “non estamos falando de transporte de ocio, senón dun servizo público de transporte necesario para que estudantes e traballadores poidan chegar ás súas clases e postos de traballo”.

 

Pon como exemplo desta pouca eficiencia do servizo o caso de que “un viaxeiro desde Vilagarcía de Arousa a Madrid non pode mercar un billete cun mes e medio de antelación e vese obrigado a optar por outros medios de transporte para non correr o risco de quedarse sen alternativa”.

 

“Por todo isto, e pensando en todas as persoas que requiren deste servizo de transporte público, solicitamos a comparecencia do ministro responsable de Renfe e pedimos por escrito que o Goberno renda contas da súa falta de xestión”, conclúe Bayón ao tempo que pide unha solución a estes problemas, así como o aumento das frecuencias e a mellora na puntualidade dos trens.

 

NON SE PODE NORMALIZAR UNHA IMPUNTUALIDADE DO 90% NOS TRENS


Desde o PPdeG recordan que a indignación ante esta situación foi verbalizada polo propio presidente Rueda, quen lamentou a “normalización” da “altísima porcentaxe” de incidencias ferroviarias e que, sen embargo, por parte do Goberno “a única solución que se dea sexa dicir que non é para tanto”.

 

Por iso o Goberno galego leva tempo reclamando con insistencia a inmediata adopción de medidas urxentes ante unha impuntualidade que alcanza o 90% dos trens en Galicia, así como a designación por parte de Renfe dun interlocutor directo que axilice a resolución destas incidencias.