Así, anunciou a próxima posta en marcha do Banco de
Explotacións, unha plataforma na que, explicou, se poderán inscribir as
explotacións que van pechar nos próximos meses e non atopan remuda ou non teñen
ningún familiar disposto a facerse cargo. “Queremos garantir que estas
instalacións, na medida do posible, sigan funcionando, e se pode ser,
mellorándose e modernizándose”, precisou. Así, poñerase en contacto a
propietarios da explotación e xente interesada en continuar co negocio,
mediante compra ou arrendamento, “con conversas e trámites auspiciados pola
Xunta de Galicia”. A previsión é que estea en marcha antes de que finalice o
ano.
Este banco será o paso previo á publicación, por
primeira vez, da convocatoria de axudas á cooperación para a sucesión no agro,
coa que se quere afondar na remuda, e que se fará efectiva o vindeiro ano cunha
dotación orzamentaria total de 2,1 millóns de euros para o período 2025-2029,
que ademais, tal e como adiantou o titular do Executivo galego, vai ser
compatible con outras axudas que se poidan solicitar para o funcionamento das
explotacións.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María
José Gómez, insistiu en que garantir o futuro do sector primario “é unha
prioridade” do Goberno galego, e por iso se está elaborando un plan de remuda
xeracional “amplo e transversal”, no que se inclúen as medidas informadas hoxe.
Precisou que a través do banco de explotacións
fomentarase a remuda extra-familiar naquelas explotacións que non contan con
expectativas de continuidade dentro da unidade familiar. Ao mesmo tempo,
actuará como instrumento de intermediación no proceso de transmisión de
explotacións. Esta posibilidade constitúe unha “moi boa oportunidade” tanto
para o titular da explotación (cedente) como para a persoa que asume a xestión
dunha explotación viable (cesionario).
Así, por unha banda, os cedentes, titulares de
explotacións agrarias familiares, poderán complementar a súa pensión de
xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación
e, por outra parte, os agricultores mozos ou novos agricultores ou profesionais
xa en activo poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e
viable.
Todo o proceso de transmisión de explotacións a través
do Banco estará tutelado pola Xunta, tal e como avanzou o Presidente, por medio
da rede de oficinas rurais. Desde estes centros informarase e prestarase
asesoramento aos interesados e, ademais, tramitaranse as solicitudes.
A conselleira resaltou que esta iniciativa constitúe
tamén unha aposta pola sustentabilidade, porque se lle dá “unha segunda vida a
estas granxas que doutro xeito quedarían abandonadas, tanto as edificacións
como as terras”, e contribúe tamén á “dinamización territorial”, ao favorecer
que as explotacións” non se concentren tanto no mesmo lugar”.
Innovadora liña de axudas
A nova liña de axudas vinculada ao Banco prestará
apoio aos agricultores e gandeiros que decidan cesar na súa actividade agrícola
ou gandeira, co fin de ceder a súa explotación, mediante a presentación dun
proxecto de cooperación entre ambas as partes. Polo tanto, os beneficiarios
destas achegas poderán ser as persoas físicas ou xurídicas xefes de explotación
que acadasen ou vaian acadar a idade de xubilación ao final da operación, ou
ben que teñan que abandonar a actividade por outras causas de forza maior ou
excepcionais. Deberán presentar un proxecto de cooperación entre a persoa
agricultora e/ou gandeira en situación de xubilación e a persoa sucesora que
vaia asumir a xestión da explotación, no cal se recolla un contrato de
arrendamento o compravenda (ou outro negocio xurídico) para a transferencia da
explotación. A previsión, segundo a conselleira, é que se poña en marcha o ano
que vén.
Trátase, fundamentalmente, de evitar o peche de
explotacións viables. Esta axuda estará ligada ao Banco, polo que a explotación
que se vaia ceder debe estar inscrita nel. Cada subvención calcularase en
función da dimensión económica da explotación e terá unha duración limitada a
cinco anos.
Pero, ademais, tanto as persoas cedentes como as
cesionarias poderán acceder a outras liñas de axuda establecidas dentro do Plan
estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027. Trátase das achegas para fomentar a
incorporación de persoas mozas á actividade agraria ou de novos activos ao agro
(unha liña nova posta en marcha neste 2024) e tamén daquelas destinadas a
apoiar os investimentos en explotacións agrarias.
Próximos pasos do Banco
Para acompañar a posta en marcha do Banco de
Explotacións desenvolveranse unha serie de medidas de apoio. En primeiro lugar,
porase en marcha un visor público, a modo de ferramenta informática situada na
páxina da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que incluirá as explotacións
susceptibles de transmisión.
En segundo termo, procederase á adopción e divulgación
de modelos normalizados. Con eles, as persoas interesadas que pretendan cesar
na súa actividade poderán presentar, por un lado, a solicitude de inclusión
dunha explotación agroforestal no Banco. Por outra parte, tamén se poderán
presentar as peticións de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco
por parte de persoas interesadas no arrendamento, permuta, adquisición ou
calquera outro negocio xurídico de cesión de uso ou transmisión de dereitos
sobre as explotacións inscritas.
Ademais, como
outra actuación de acompañamento ao Banco de Explotacións, levaranse a cabo
accións de formación dirixidas ao persoal das oficinas rurais para que estes
profesionais, pola súa vez, poidan prestar apoio e asesoramento ás persoas
interesadas na transmisión de explotacións a través deste instrumento.