lunes, 2 de septiembre de 2024

O Consello da Xunta aproba interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra a lei de amnistía

 


O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu “luz verde” para que o Goberno autonómico “interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei orgánica 1/2024 de amnistía xa anunciado”, logo de contar co ditame favorable do Consello Consultivo de Galicia.

Neste sentido, destacou que a xurisprudencia recoñece o dereito das comunidades autónomas a interpoñer recursos de inconstitucionalidade non só para a defensa de competencias propias senón para o restablecemento da orde xurídica constitucional. “Sempre dixemos que Galicia actuará con toda a contundencia cando pensemos que hai normas que atentan contra os seus intereses, como é o caso”, indicou.

O presidente salientou que, tras un amplo traballo de documentación, a Xunta recorrerá a Lei aprobada polo Goberno central ao considerar a Asesoría Xurídica que esta Lei orgánica “contradí artigos da Constitución como o 9.1”, que establece que todos os cidadáns e poderes públicos estarán sometidos á Carta Magna e ao resto do ordenamento xurídico. 

Ademais, Rueda fixo fincapé en que, segundo a Asesoría Xurídica, se trata dunha lei que ten “consideración arbitraria”, que “quebra co principio de igualdade”, que vulnera o principio de separación de poderes ao “deixar sen efecto decisións firmes adoptadas polo poder xudicial” e que tamén “quebra o principio de seguridade xurídica” ao actuar nun eido tan amplo e indeterminado.