Os representantes do PPdeG no Congreso dos Deputados e no Senado presentaremos a próxima semana unha iniciativa nas Cortes Xerais para esixir a Pedro Sánchez a eliminación dos impostos que castigan a xestión de Sogama, a entidade pública que xestiona os residuos do 94% dos concellos galegos.
Os populares explicamos que, a raíz da aplicación de varios impostos estatais e outras decisións lesivas do Executivo de Sánchez, “Sogama se ve obrigada a actualizar o seu canon”, xa que os sobrecustos que xeran “fan inviable mantelo como ata o de agora”. De aí que soliciten ao Goberno central a súa retirada “para que Sogama non teña que repercutilos nos concellos e estes á súa vez na cidadanía”.
“Non entendemos como España é un dos poucos países, por non dicir o único da Unión Europea, que decide gravar con impostos algo que se está facendo ben como é a valorización dos nosos residuos”, apuntou ao respecto a responsable de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ánxeles Vázquez, nunha reunión que mantivo esta semana con algún dos deputados e senadores do PPdeG.
Referiuse así aos tributos que se introduciron coa Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. Unha lei á que o Goberno galego se opuxo durante o período de alegacións e á que o Partido Popular votou en contra, pero que foi aprobada “coa complicidade dun BNG sempre manso en Madrid e dun PSOE galego cuxa única lealdade é a Pedro Sánchez en detrimento dos intereses de Galicia”.
MOCIÓN NOS CONCELLOS
Tal e como argumentan os populares galegos na iniciativa que levarán ás Cortes Xerais e tamén aos plenos municipais, entre as medidas aplicadas polo Estado no marco da referida lei están, por exemplo, os impostos ao vertido e á incineración que “representaron o pasado ano unha contía de 9,1 millóns de euros que Sogama soportou cos seus propios recursos, apoiando aos concellos para non gravar as arcas municipais”.
A isto habería que sumar a supresión da retribución ao investimento da planta termoeléctrica de Sogama –comprometida ata o momento no que finalizaría a súa vida útil (2026)–, a diminución da retribución á explotación da planta e coxeración e a recuperación do imposto eléctrico do 7%.
“Se ben o Estado e o propio PSOE escúdanse no argumento de que a aplicación dos novos impostos obedece á transposición dunha Directiva europea, o certo é que, na actualidade, a práctica totalidade dos países europeos non instauraron estes tributos”, subliñan desde o PPdeG ao tempo que lamentan que os socialistas de Galicia fixeran “oídos xordos” cando o Goberno galego presentou alegacións á implantación dos novos tributos durante o período de exposición da lei estatal de residuos en 2022.