A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou esta mañá, xunto co secretario xeral de Vivenda e director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) Heriberto García Porto, na Conferencia sectorial de Vivenda e Axenda Urbana que se celebrou en Madrid e que tiña coma punto principal os criterios xerais para a elaboración do novo Plan Estatal de Vivenda, rehabilitación, rexeneración e renovación urbana e rural.
Neste foro, a titular
do departamento autonómico, María M
. Allegue, destacou que o plan “debe atender
realmente ás necesidades de vivenda dos distintos territorios polo que é
fundamental a participación de todas as CCAA para acadar un documento de
consenso”.
M. Allegue pediu á
ministra de Vivenda a Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, que axende a celebración
de comisións bilaterais e se constitúan grupos de traballo que permitan a cada
comunidade expor as súas particularidades.
Considera ademais, que os programas que recolla o novo PEV deben ser finalistas, pero que a súa regulación debe permitir a continuidade das liñas de traballo que xa están en marcha en Galicia, “de maneira que non se solapen, o que obrigaría a reformular as medidas en curso.
Participación das CCAA e fondos suficientes para implantar e desenvolver o PVE
A conselleira subliñou que o nova norma debe contar cos fondos suficientes para atender as necesidades actuais e aos programas que se recollan no plan.
M. Allegue pediu tamén unha partida específica para a contratación de persoal que permita unha aplicación e xestión eficaz dos recursos.
Por outra banda, a conselleira de Galicia dixo que “é importante manter as axudas para aluguer, para a adquisición de vivendas para mozos en concellos do reto demográfico, así como as axudas ás áreas de rehabilitación, entre outros “e que os programas que se deseñen sexan flexibles e de fácil tramitación para os solicitantes”.
Nese sentido, reclamou que o Ministerio facilite unha participacións activa, e dende o inicio, das CCAA na elaboración do Plan para facilitar a adaptación dos programas ás particularidades de cada territorio. As CCAA, ademais de xestionar o plan, participan no seu cofinaciamento polo que “é unha obriga que participen na súa elaboración”.
Galicia supera con creces os obxectivos do Plan de Recuperación e reclama máis fondos
Respecto ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a titular de Vivenda explicou que Galicia superou con creces os fitos fixados, tendo comprometidos a totalidade dos fondos destinados aos 5 programas orientados a rehabilitación de vivendas cuxo importe supera os 173M€
En concreto, no Programa 3 de axudas para rehabilitación de vivenda de mellora enerxética, na convocatoria de 2024, que prevé un orzamento de 28.568.052,52 euros, hai presentadas 1.589 solicitudes solicitando axudas por importe de 51.290.144 €
Á vista destas cifras, a conselleira pedíu financiamento para poder atender as solicitudes recibidas, para o que se precisarían cerca de 22,73 M€ e que, dada a expectativa xerada por estas axudas, se lle dea continuidade a este programa para exercicios futuros con financiamento adecuada por parte do Estado.
No que se refire ao programa 6 para a construción de vivenda de aluguer enerxeticamente eficiente, Galicia ven de recibir 1M€ por ter cumpridos os obxectivos ao 100%, acadando así unha cifra total de fondos comprometidos de 60 M€. Este incremento dun millón de euros, provén dos remanentes das CCAA que non foron quen de alcanzar os fitos marcados polo Ministerio. O programa execútase coa actuación directa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que constrúe vivendas de promoción pública e a través de axudas a promotores públicos e privados para a construción de vivendas para alugueiro. En total, con cargo a este programa, a Xunta promovería 921 VPP; por concellos, a través da axudas convocadas polo IGVS, 77 vivendas e, por conta dos promotores privados, en solos de titularidade pública, 256 vivendas.
Non obstante, Galicia está a disposición de construír outras 820 VPP sempre que se incrementen os fondos e se amplíe o prazo de execución de obra ata finais de 2027. Segundo o cálculo do IGVS, serían necesarios 41M€ máis.
Bono Xove, máis fondos
A conselleira de vivenda e planificación de infraestruturas, esixiu “que se dote de financiamento suficiente para o bono xove, de tal forma que non se xeren falsas expectativas entre os mozos dando a entender que vai ser unha axuda universal”. Asemade, pediu incluír unha partida específica para contratación de persoal.
Resulta tamén necesario que se modifique o RD 42/2022, atendendo ás cuestións que maioritariamente foron reclamadas polas CCAA como o cómputo de ingresos cando un mozo comparte vivenda con outras persoas maiores de 36 anos, a imposibilidade de acceder á axuda cando unha das persoas que comparte piso teña outra vivenda en propiedade, aínda que esta non sexa beneficiaria da axuda, ou os casos de mobilidade xeográfica que permiten incrementar o límite da renda e o límite de ingresos a persoas que veñen doutra CCAA sobre os fixados con carácter xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.
Carta á ministra
Na xornada de onte, a conselleira remitiu á ministra Rodríguez unha carta lembrando varios dos temas que para Galicia son prioritarios en materia de vivenda, tal e como o presidente Rueda expuxo ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na reunión do pasado 20 setembro. Entre estes asuntos, M. Allegue lembra que “aínda non recibimos resposta sobre la cesión gratuita das vivendas da Sareb que reclamamos hai meses”