martes, 8 de octubre de 2024

Rueda, anunciou que o Goberno autonómico triplicará o vindeiro ano o orzamento destinado a solo residencial e a construción de vivendas públicas

Hoxe no Parlamento de Galicia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico triplicará o vindeiro ano o orzamento destinado a solo residencial e a construción de vivendas públicas ata chegar a 126 millóns de euros para 2025.

Durante a súa comparecencia para explicar as liñas estratéxicas dos vindeiros orzamentos da Xunta, Rueda tamén adiantou que o Executivo autonómico lanzará unha serie de medidas legais de choque para incrementar rapidamente a oferta de vivenda e atallar a actual crise de prezos.


Nesta liña, indicou que se van reducir á metade os prazos de tramitación do novo solo residencial para vivendas protexidas -baixo o amparo da figura de proxecto de interese autonómico-; facilitarase a conversión de locais comerciais en vivendas sen necesidade de modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal e outorgarase durante un prazo de tres anos a cobertura legal para recuperar os edificios inacabados durante a crise económica.


Unha serie de medidas coas que a Xunta busca avanzar no compromiso de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles e facilitar o acceso á vivenda a poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables.


Rueda, que recoñeceu que a mocidade é un dos grupos con máis dificultades na actualidade para acceder a un fogar, anunciou tamén unha medida para mellorar a inserción laboral deste colectivo. A Xunta vai elaborar no 2025 a Estratexia Mocidade Activa, dotada de 20 millóns de euros para incentivar a contratación de xente nova e formala para mellorar a súa empregabilidade.


Melloras en sanidade e dependencia


O eido social seguirá sendo tamén unha das prioridades dos orzamentos para 2025, tal e como avanzou o titular do Executivo galego. Así, no ámbito sanitario, apuntou que o próximo ano se porá en marcha un novo Plan de recursos humanos, que permitirá dispoñer dun mapa dos profesionais sanitarios dispoñibles e dos que están formándose. Desta forma, será posible anticiparse ás situacións que poidan xurdir e acompasar os recursos ás circunstancias do momento. Ademais do esforzo en materia de recursos humanos, Rueda tamén adiantou que en 2025 se investirán 238 millóns de euros en mellorar edificios e equipamentos da sanidade pública.

A atención aos maiores será outras das liñas de acción fundamental. Para axilizar o acceso aos distintos recursos das persoas dependentes, nos próximos meses unificarase a tramitación da dependencia e discapacidade nun único procedemento, ademais de que se simplificarán as súas revisións.


Ademais, o próximo ano comezarase un proceso de negociación para acometer unha mellora plurianual do financiamento do Servizo de axuda no fogar (SAF), un recurso de competencia municipal. Ademais do compromiso inequívoco da Xunta, o presidente fixo fincapé na necesidade de que o Goberno central realice a achega que lle corresponde por lei en materia de Lei de Dependencia.


Desenvolvemento industrial e enerxía


O titular do executivo galego tamén destacou algunhas das medidas que tomará o Goberno para avanzar no desenvolvemento económico e industrial de Galicia. Así, sinalou que en 2025 se habilitará unha nova figura de ordenación que permitirá crear novos polígonos industriais de forma máis áxil, ao combinar a tramitación empresarial coa urbanística. Estes novos desenvolvementos terán como núcleo un proxecto industrial estratéxico, pero deberán reservar espazo para máis empresas ou futuras ampliacións. Ademais, tamén poderán contar con zonas reservadas para instalacións enerxéticas de autoconsumo.


Precisamente no ámbito da enerxía, Rueda sinalou que nas próximas semanas comezarase a actualizar o Plan eólico, que ten xa máis de 20 anos. O obxectivo será producir máis, en menos superficie e con toda a seguridade xurídica.


A seguridade xurídica é tamén o obxectivo da reforma normativa que se acometerá nos portos de Galicia, e que permitirá ampliar os prazos máximos de concesión a aquelas empresas que comprometan un investimento mínimo en Galicia de medio millón de euros.


Ademais, no eido do mar, e para apoiar ao sector, nas próximas semanas seguiranse executando as actuacións recollidas no Plan de competitividade e sustentabilidade do marisqueo, dotado cun total de 123 millóns de euros.


Outras medidas


No eido educativo, o presidente destacou que a Xunta seguirá apostando por consolidar Galicia coma un referente da investigación. Rueda asegurou que a Xunta aprobará antes de que remate o ano o Plan galego de investigación e innovación -que coordinará todos os esforzos neste eido- e que neste lexislatura se creará unha Fundación para o impulso da ciencia, que se encargará de contratar a investigadores de alto potencial para reforzar o eido do I+D+i de Galicia.


Para fomentar o uso do transporte público e mellorar as comunicacións, o Executivo autonómico vai reforzar as liñas de autobuses directas entre as sete cidades, sendo o traxecto A Coruña-Lugo o primeiro que se porá en marcha.


Na súa intervención, Rueda, lembrou que a Lei de acompañamento dos Orzamentos incluirá a habilitación para que os concellos que o desexen implanten a taxa turística sempre que cumpran con certos requisitos como que se encarguen directamente da súa xestión e recadación, que o 80% dos beneficios sexan destinados a mellorar a sustentabilidade turística e que sexa consensuada co sector.


Por último, o presidente resaltou que a partir do vindeiro ano, os galegos pagarán menos polas herdanzas entre parentes colaterais ao modificar o imposto de sucesións para que ata 25.000 euros non haxa que pagar tributos.