O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2025, “os presupostos máis altos da historia de Galicia” que aumentan o investimento en infraestruturas e no reforzo da actividade empresarial preto dun 5 % (4,7 %), co obxectivo de impulsar o crecemento futuro de Galicia. O incremento é case o dobre do que medra o Orzamento galego para o vindeiro ano: 2,6 %
Deste xeito, tal e como resaltou Rueda, “Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma” e “será unha das primeiras comunidades” en facelo coa previsión de que podan entrar en vigor “ o 1 de xaneiro de 2025”.
Trátase duns orzamentos, segundo salientou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, elaborados desde “o rigor e a prudencia” que buscan dar “certezas as familias e as empresas” da comunidade.
As contas autonómicas ascenden a preto de 14.000 millóns de euros (13.954 M€) para cimentar o benestar dos maiores, os servizos ás familias, a promoción da vivenda e o impulso aos sectores produtivos.
Estes orzamentos consolidan o crecemento económico postpandemia, garanten a solvencia das contas en liña coas novas regras fiscais, impulsan a vivenda, reforzan os servizos públicos e continúan baixando impostos, ademais de consolidar as rebaixas fiscais vixentes. E, por segundo ano consecutivo, sen recorrer a un novo endebedamento. “Galicia leva 15 anos sendo un referente de España no control do déficit público e mellorando servizos”, indicou Corgos.
Entre as iniciativas que sustentan a base para impulsar o crecemento atópanse as enfocadas a acadar a transformación dixital, o fortalecemento do sector primario, o apoio ao desenvolvemento empresarial, a internacionalización do tecido industrial ou o pulo ao I+D.
Políticas sociais
Os recursos orzamentarios de 2025 recollen a primeira prioridade do Goberno galego, que é o reforzo continúo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego. Para iso se destina unha cifra que, segundo destacou Rueda “supera por primeira vez os 10.000 M€”, ata alcanzar os 10.227 millóns de euros.
Isto quere dicir que un 74 % do Orzamento, tres de cada catro euros, se destinan ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego, cun incremento de preto de 500 millóns de euros en só un ano.
Así, as contas de 2025 contemplan 5.434 M€ para a sanidade pública, cos que se abundará no Centro de Protonterapia, na mellora do calendario de vacinacións, en novos cribados para mellorar a prevención de enfermidades, na execución do Plan de Infraestruturas Sanitarias e en 1.400 prazas das que máis de 100 son para formación de novos MIR.
A partida para as diferentes políticas educativas acada os 2.972 M€ que van financiar o primeiro curso coas matrículas universitarias gratuítas, o que fai de Galicia a primeira comunidade autónoma en garantir a educación de balde desde os 0 anos ata o remate dos estudos superiores. Tamén se seguirá traballando na diminución das ratios de alumnado por aula, co incremento do número de profesores, na creación do novo CESGA para situar a comunidade galega na vangarda da computación, ademais de continuar incrementando o investimento en I+D+i.
No que se refire ás políticas sociais, cos 1.415 millóns de euros das contas de 2025, reforzarase a asistencia a maiores en centros e residencias e facilitarase a súa atención domiciliara, ademais de impulsar a escolarización no primeiro ciclo de educación infantil.
O emprego contará con 446 M€ que se destinarán á aplicación das novas tecnoloxías para conectar a oferta e a demanda, así como para facilitar a transición entre a formación e a incorporación ao mercado laboral. Tamén se reforzará unha Formación Profesional que ten demostrada a súa orientación ás necesidades do mundo do traballo.
Un pulo á vivenda
Os Presupostos de 2025 responden á grande aposta do Goberno galego pola vivenda, cun orzamento de 221 M€.
Así, á compra de solo residencial e á construción de vivendas públicas dedicaranse 126 M€, unha cifra que triplica a dos presentes orzamentos e coa que se quere empezar a cumprir o compromiso de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles e facilitar o acceso á vivenda da poboación, en especial aos colectivos máis vulnerables. Un dos colectivos prioritarios é o dos mozos, que terán reservado ata o 25 % das vivendas á venda e o 40 % das de aluguer.
Tamén se contempla un Plan de choque para axilizar tramitacións e facilitar a incorporación ao mercado de novas vivendas.
Apoio ás entidades locais
O Goberno galego vai destinar máis recursos ás entidades locais nestes Orzamentos para 2025. Por iso se aumenta a partida destinada aos concellos ata os 641 millóns de euros, 30 M€ máis que este ano, o maior esforzo da historia da autonomía cos concellos.
Este incremento repártese entre o Fondo de Cooperación Local, que vai recibir 168 millóns de euros, 10 millóns máis, o que supón unha suba do 6,3 %, por riba do incremento medio do Orzamento. Tamén se recollen as demandas da Fegamp para incrementar o fondo base, con 5,4 millóns de euros de aumento, que se destinarán aos concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen maiores dificultades. Por outra banda, destinaranse 445,8 M€ máis a transferencias para atender as diferentes necesidades da cidadanía.
En definitiva, son unhas contas con máis recursos ca nunca, que consolidan o crecemento económico postpandemia, impulsan a vivenda, reforzan e modernizan os servizos públicos, favorecen o emprego e apoian a mellora da competitividade das empresas galegas. E todo isto a pesares de que o Goberno central segue sen facilitar información fiable para poder facer as previsións, dado que non poden aprobar os seus propios orzamentos.
Os Orzamentos 2025 permitirán, ademais, facer un balance do estado de cumprimento do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, o que avala que o Goberno galego traballa con previsións e que segue con rigorosidade a folla de ruta marcada.