Onte os expertos do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago Peñas e Xoaquín Fernández Leiceaga presentaron en Compostela un escenario simulado das contas públicas de Galicia se o acordo ERC-PSC culmina na reforma do financiamento autonómico.
Os autores do informe cuantifican con datos do 2022 un escenario extremo, definido por tres supostos: que o sistema de concerto se xeneralizase a toda España, que a achega á nivelación interterritorial dos diferentes territorios se reducise ata o mínimo que realiza hoxe a Comunidade Autónoma vasca, e que a administración central mantivese os seus recursos actuais.
De
calcularse o “cupo” ou cota en función do PIB, e non existir ningún elemento de
solidariedade, Galicia perdería nese novo sistema de concerto xeneralizado
2.128 millóns de euros. O seu financiamento relativo por habitante axustado
descendería 22 puntos, pasando do 104% da media no modelo actual ata o 82% da
media co novo modelo. Se o “cupo” fose calculado en función da poboación, a
perda seria aínda maior: 2647 millóns e 27 puntos porcentuais.
Un segundo escenario parte do suposto que só se aplica o modelo de
concerto a Cataluña. Na primeira estimación supoñemos ademais que Cataluña
contribuiría aos gastos da facenda central en función do seu PIB e sen que o
seu concerto contemplase ningún compoñente solidario. Daquela, Galicia vería
reducirse as transferencias ordinarias que recibe nun 6,27%: 634 millóns de
euros, cos datos de 2022.
Loxicamente, a perda sería inferior no caso de que efectivamente se
introducira un compoñente de solidariedade no cómputo dun potencial “cupo”
catalán. Con achegas por solidariedade equivalentes ao 25%, 50% ou 75% do que
hoxe caracteriza ao modelo de réxime común, as perdas para Galicia serían de
475 millóns de euros, 317 millóns ou 159 millóns, respectivamente.
Para os autores do traballo a expansión dos
sistemas de concerto rexionais en España inclúe outros efectos, a ter en conta.
Entre eles salientan os efectos negativos sobre a xestión e o control da fraude
nun contexto de fragmentación da axencia tributaria; o enfraquecemento da
administración central para responder a choques asimétricos negativos debido á
perda de capacidade tributaria, o que, empeoraría o rating crediticio da
débeda soberana e das administracións rexionais e locais; a cesión do 100%
do IRPF limitaría a progresividade fiscal e a redistribución
interterritorial, especialmente nun país como España, onde a redistribución
xa é das menores da UE27; e a cesión do Imposto sobre Sociedades con
capacidade normativa ás Comunidades Autónomas xeraría problemas de competencia
fiscal, maiores custos para os contribuíntes e incrementaría as posibilidades
de fraude fiscal.
https://foroeconomicodegalicia.es/actividad.html?a=250&c=1