lunes, 7 de octubre de 2024

A Xunta declara o centro integral de saúde Novoa Santos de Ourense como proxecto público de urxencia e excepcional interese

 

Salientar a nova de que o Consello da Xunta aprobou esta mañá declarar o novo Centro integral de saúde Novoa Santos de Ourense como proxecto público de urxencia e de excepcional interese.

 Con este acordo, para a tramitación das obras do novo equipamento sanitario pola Lei 3/2016 do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, o Executivo galego achegará celeridade á construción do que será o primeiro centro integral de saúde da provincia ourensá. 

Así, e tras supervisar e aprobar o seu proxecto de execución, que determinará o orzamento final necesario, a Xunta licitará as obras, que teñen un importe estimado de máis de 14 millóns de euros.  A actuación recollerá os traballos de demolición do actual inmoble e a construción da nova infraestrutura sanitaria, que atenderá unha poboación de 130.000 persoas.

O futuro equipamento sanitario de vangarda distribuirase en 13 andares (semisoto + baixo + 11 andares) e contará cunha superficie construída de 7.584 metros cadrados.

 Deste xeito, o Executivo galego reforzará a atención sanitaria da cidade de Ourense incorporando novos servizos, integrando no mesmo espazo o punto de atención continuada (PAC), e ampliando a atención médica e de enfermaría fóra do horario ordinario.

A maior dispoñibilidade de espazo permitirá incorporar novos servizos como programas de rehabilitación integral (solo pélvico, enfermidades musculoesqueléticas e rehabilitación cardíaca), así como ampliar a dotación de recursos, estruturais, diagnósticos e humanos. Ademais, permitirá incorporar novas unidades de diagnóstico, con equipamentos e salas de ultrasóns e radiodiagnóstico, de saúde mental e de rehabilitación.

As instalacións do novo CIS Novoa Santos de Ourense disporán dunha área asistencial de atención clínica, con 33 consultas de medicina, enfermaría, farmacia, odontoloxía e hixienista, 4 salas polivalentes e 4 salas de docencia, ademais das correspondentes salas de técnicas, de tomas de mostras e de espera de pacientes, área de pediatría, con 4 consultas, médicas e de enfermaría, cunha sala polivalente e unha sala de lactación. 

Xunto con isto, engádese a área de atención á muller, con 2 consultas, e o Centro de Orientación Familiar (COF) con dúas consultas de obstetricia, unha consulta de enfermaría e unha consulta de psicoloxía.

Ademais, contará con novas unidades como a área integral de rehabilitación, cunha consulta de fisioterapia, un ximnasio con 6 cabinas de tratamento e unha sala de rehabilitación; a área de saúde mental, con 17 consultas: psiquiatría, enfermaría, traballo social, psicoloxía e docencia; a área de radiodiagnóstico, cunha nova sala, específica de diagnóstico por ultrasóns, de nova creación, e unha sala de ecografía, ademais dunha área específica de telemedicina.