A corporación provincial, no pleno celebrado esta mañá correspondente ao mes de novembro, aprobou a proposta de orzamentos da Deputación de Ourense para 2025 que alcanza a cifra de 105,1 millóns de euros, un 9,42 % máis que no presente exercicio, o que supón un aumento de 9.050.000 euros.
No proxecto económico destaca a suba do 91,76 % reflectida no capítulo de investimentos, unha partida dotada con case 9,9 M€ (9.885.921,73) e que experimenta un aumento de 4,73 M€, case o dobre que no presente ano. Cun peso do 9,41 % no cómputo global dos orzamentos, o capítulo de inversións recolle partidas como augas e medio ambiente, con 3,2 M€; vías provinciais con 4,5 M€ (neste exercicio era de 1,5 M€); 680.000 euros para o parque móbil e de maquinaria; e 756.000 para cultura e deporte.
Outro dato destacado dos orzamentos refírese á dotación íntegra do Plan CooperOU para o conxunto do próximo ano: 18 millóns de euros, dos que 10,8 proceden de transferencias correntes e o resto, 7,2 millóns de transferencias de capital.
Por capítulos, en materia de gasto corrente, bens e servizos para o funcionamento da entidade, os orzamentos terán unha partida de case 25,8 M€ (25.798.370,58 €), un 10,79 % máis e un 24,40 % sobre o total do orzamento. Compre citar os preto de 8 M€ para Medio Ambiente; 4,18 M€ en Vías e Obras, parque maquinaria e cooperación; 3,3 M€ para Cultura; 1,2 a Benestar e case 1 millón en Deportes.
Para transferencias correntes consígnanse 21,7 millóns (21.746.707,69 €), un 3,28 % máis e un peso no conxunto do orzamento do 20,69 %. Entre as partidas máis importantes figuran os 3 M€ destinados aos GES e o Consorcio contra Incendios e de Salvamento; 2,4 M€ para o Inorde; 2,3 M€ para acción social con concellos (SAF) e entidades; e 1,16 M€ para fomento do deporte, ademais dos 10,8 M€ xa citados para o Plan CooperOU.
Para transferencias de capital, a totalidade dos recursos (7.240.000 €), están destinados como xa se sinalou ao Plan CooperOU.
O capítulo de persoal ten unha partida de 39,8 M€ (39.829.000 €), cun peso do 37,90 % sobre o conxunto dos orzamentos, cun aumento de 1,3 M€ (3,45 %), motivado fundamentalmente pola aplicación das actualizacións salariais dos empregados públicos aprobada polo goberno central.
Bases do Plan CooperOU
Na sesión de hoxe foron aprobadas tamén as bases de execución do Plan provincial de Cooperación, o Plan CooperOU, dotado con 17.958.889,10 euros. Esta cantidade aumenta ata os 18 millóns coa achega de 66.110,87 euros para a entidade local menor de Berán.
Para a distribución desta cantidade entre os concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes mantéñense os mesmos criterios que no plan do ano en curso.
Así, consta una parte fixa, dotada con 8.980.000 euros, cuxo reparto baséase no número de habitantes de cada concello (ata 1.000, 5.000, 10.000 e 20.000), con cantidades que oscilan entre os 90.000 e os 120.000 euros. O segundo criterio de repartición establece unha parte variable, dotada con 8.978.889,13 euros, en base á poboación (que conta nun 50 %); núcleos de poboación (20 %); índice de envellecemento (15 %); e superficie (15 %).
Un 40 % da achega provincial, "como mínimo", destinarase a investimentos reais, preferentemente os necesarios para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios. O 60 % restante, como máximo, poderá destinarse a gasto corrente ou amortización de débeda. Con carácter excepcional poderase dedicar o 100 % ao programa de gasto corrente e amortización de débeda nos supostos de insuficiencia financeira manifesta.
Tamén se permitirá incluír en ambos programas -investimento e gasto- actuacións que teñan un importe superior aos fondos provinciais recibidos en cada concello, sempre e cando a entidade local achegue o financiamento complementario.
Como novidade en 2025 incorpóranse ao plan unha serie de obrigas para dar a adecuada difusión ao financiamento por parte da Deputación das actuacións subvencionadas, fixando as accións a desenvolver en materia de publicidade e comunicación segundo se trate de investimentos ou de gastos corrente e amortización de débeda.