viernes, 15 de noviembre de 2024

Hoxe, no Magosto Popular o PPdeG reivindica a forza do partido en Ourense á hora de construír maiorías que sexan serias e útiles para os veciños


O Partido Popular de Galicia reivindicou hoxe a forza da formación en Ourense á hora de defender os intereses de todos os galegos e galegas e especialmente no que se refire a construír maiorías que sexan unha alternativa seria e útil para os veciños.

Así o asegurou a secretaria xeral do partido, Paula Prado, esta tarde no Magosto Popular organizado polo PP de Ourense, no que tamén participaron o presidente provincial, Luis Menor, e a presidenta da xestora local, Victoria Núñez, e ao que asistiron máis de medio millar de persoas. Ante eles a número dous dos populares galegos reivindicou que non hai PP en Galicia sen o PP de Ourense.


Salientou neste sentido os grandes resultados electorais nunha provincia que en febreiro deu un 50% de apoio ao presidente Rueda e nunha cidade na que o partido tamén foi maioría e colaborou á súa vez á maioría absoluta. Por iso quixo agradecer a todos os representantes do partido o seu compromiso e traballo diario, amosándose convencida de que o PP ourensán seguirá sumando éxitos no futuro.


Pese a isto, animou aos seus a seguir traballando, a non deixar tempo nin espazo á relaxación e a seguir sendo útiles a cidadanía. Puxo así como exemplo á Galicia que funciona da man de Alfonso Rueda e que este luns dará un paso máis cara a aprobación dos Orzamentos autonómicos máis altos da historia.


Unhas contas que reservan 240 millóns de euros só para a cidade de Ourense e que son o reflexo da Galicia que constrúe o PPdeG, co presidente Rueda á fronte, desde a estabilidade, o rigor e a xestión.


LUIS MENOR: “A FORZA DO PARTIDO RESIDE NA MILITANCIA”


Luis Menor puxo en valor que só unha formación como o Partido Popular é quen de facer unha demostración de compromiso da militancia como no magosto celebrado esta tarde coa presenza de varios centos de afiliados e simpatizantes, “persoas implicadas” que apoiaron arreo para ofrecer os mellores resultados electorais nas autonómicas e nas europeas deste ano.


O presidente provincial afirmou que estes resultados son froito “dun traballo ben feito”, onde a verdadeira fortaleza “reside na súa militancia”.


En nome da dirección do partido en Ourense, Luis Menor destacou que “debemos responder a ese compromiso” estando sempre do lado dos cidadáns e “chegando a acordos que sexan útiles e bos para esta cidade e, por suposto, para a provincia”. Mentres, lamentou, outros partidos dedícanse “a pensar en calquera artimaña que nos aparte de gobernos lexítimos e onde a veciñanza ocupa o último posto das súas preocupacións”.


“Ese non é o Partido Popular”, defendeu, un partido de goberno que seguirá loitando como sempre para situar á cidade en postos de privilexio, “atractiva e afable para os visitantes e con múltiples oportunidades para crear un proxecto persoal e profesional de vida”.