sábado, 23 de noviembre de 2024

O PPdeG defende que combater a violencia de xénero “non é cousa de cores” e fai un chamamento á acción colectiva para protexer as vítimas


O Partido Popular de Galicia defendeu hoxe que a violencia de xénero “non é cousa de cores” e por iso fixo un chamamento á acción colectiva para rexeitar “con contundencia e rotundidade” todo tipo de violencia contra as mulleres e traballar conxuntamente por apoiar e protexer ás vítimas deste “problema público de primeira magnitude”.


Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, no acto organizado polo seu partido en Santiago de Compostela para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, e que contou cun cento de asistentes. Un acto no que invitou aos asistentes a reflexionar, sensibilizarse e rexeitar sobre o que definiu como “unha lacra social que aínda estamos moi lonxe de eliminar”.


“Nunca nos imos resignar nin nos daremos por satisfeitos ata acadar a única cifra que vale: cero. Mentres non teñamos esa cifra, teremos que seguir traballando día a día porque nada do que fagamos será suficiente”, afirmou recordando ás catro vítimas mortais deste ano en Galicia e ás outras 36 mulleres que no que vai de ano foron asasinadas en toda España.


Reivindicando o compromiso do PPdeG coa eliminación da violencia de xénero, Prado destacou que o Goberno presidido por Alfonso Rueda loita contra ela “con feitos e non só con slogans, con recursos e non só con promesas” e puxo como exemplo o cumprimento da promesa electoral de aprobar unha lei específica e integral contra a violencia dixital.


“Cumprimos a palabra dada e esa lei será unha realidade o próximo ano, converténdonos na primeira comunidade en lexislar sobre as novas formas de violencia contra as mulleres que se estenden a través de Internet”, explicou.


A secretaria xeral lamentou que, pola contra, “algúns sigan empeñados en facer disto unha cuestión partidista e en patrimonializar unha loita que é de todos”; citando especificamente a un BNG que “segue sen pedir perdón por ter apoiado a chapuza lexislativa que beneficiou a máis de 1.400 agresores sexuais” e a un PSOE “centrado en manter a Sánchez na Moncloa a costa dunha parálise que está a prexudicar ás vítimas de violencia de xénero”.


Dita parálise, engadiu, é a que provoca que a Unidade de Policía Adscrita non conte con suficientes axentes para protexer ás vítimas ou que siga sen haber un xulgado específico de violencia de xénero en cada unha das cidades galegas. Así mesmo, criticou a falta de cumprimento e de renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero ou que o sistema VioGen “non estea a resultar todo o efectivo que debería ser”.


Referíndose aos feitos que levaron á recente dimisión de Íñigo Errejón, a número dous dos populares galegos mostrouse especialmente crítica con Sumar –que este 25-N “cargará coa responsabilidade de ter protexido a un condenado por agresión sexual e coa culpabilidade de ter silenciado ás súas vítimas”– e con Yolanda Díaz, á que acusou de “saber, tapar, consentir e encubrir un secreto a voces polo que aínda non asumiu ningún tipo de responsabilidade”.


Por último, lembrou que o pasado 18 de febreiro, nas eleccións autonómicas, “as mulleres votaron de forma maioritaria ao Partido Popular de Galicia”.


FABIOLA GARCÍA: “A IGUALDADE É UNHA NECESIDADE DE XUSTIZA SOCIAL”


Pola súa banda, a responsable de Política Social e Igualdade no Goberno galego tamén quixo reivindicar que “a igualdade non é cuestión de ideoloxía, senón que é unha cuestión de xustiza social e unha necesidade que se acada con esforzo, con políticas concretas e con traballo diario”.


“Isto non vai de cores, vai de investir cada ano máis e de deseñar políticas que beneficien ás mulleres e permitan o avance da nosa sociedade”, incidiu poñendo en valor o incremento dun 10% en 2025 dos orzamentos autonómicos na loita contra a violencia de xénero e a promoción igualdade ata superar os 56 millóns de euros.


Fabiola García defendeu que Galicia é “un referente a nivel estatal” neste eido ao ter sido a primeira comunidade en ofrecer recursos económicos propios para axudar ás vítimas, en poñer en marcha a quenda de agarda, en ofrecer vivendas tuteladas e unha das primeiras en recoñecer a violencia dixital como unha forma de violencia de xénero.


Así mesmo, quixo aproveitar o acto para dar as grazas a todas as mulleres, como as 28 alcaldesas e 700 concelleiras do PPdeG, que traballan día a día nos concellos, “porta de entrada aos servizos sociais e lugar de apoio e comprensión”, e que son mulleres “valentes, comprometidas co traballo e garantes de que Galicia sexa un lugar seguro e un lugar cada vez mellor no que vivir”.


A VIOLENCIA DIXITAL E AS AGRESIÓNS SEXUAIS NON SON COUSA DE CORES


O acto organizado polo PPdeG albergou ademais dúas mesas redondas centradas na violencia dixital e no drama das agresións sexuais, moderadas respectivamente pola vicesecretaria de Igualdade do partido, Raquel Touriño, e polo responsable de Loita contra a Violencia de Xénero no Goberno galego, Roberto Barba.


Na primeira delas participaron o deputado autonómico Raúl Santamaría, a comunicadora Belén Xestal e a especialista en educación Ana Alzate, que debateron sobre a violencia dixital contra as mulleres, como é o control telefónico ou das redes sociais, entre moitos outros, e confrontaron as diferentes perspectivas desta problemática baixo os prismas da mocidade, da industria audiovisual e do ámbito socioeducativo.


Posteriormente, as concelleiras populares Susana CatalánPaz Pérez e Sabela Fole compartiron as súas experiencias coas vítimas de agresión sexual a través do seus respectivos traballos como policía local, como xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en Pontevedra, e como avogada especialista en familia.